Do 9 ao 13 de xullo, despois de construíren na Coruña, chega a Vigo o obradoiro “Supercidades” para que a cativada de 6 a 12 anos constrúa as súas urbes da man de Pablo Otero.

Na libraría Libros para Soñar de Vigo terá lugar do 9 ao 13 de xullo de 10 a 13.30 horas o obradoiro “Supercidades” impartido polo ilustrador Pablo Otero. Despois de se ter desenvolvido na Coruña, visita outra das dúas máis grandes cidades galegas para que a cativada poda construír unha urbe en miniatura, poñendo en tamaño pequeño o lugar no que eles quererían vivir. 

Non sería raro que as crianzas volcaran toda a súa imaxinación á hora de construír a súa cidade imaxinada porque é ben fácil que calquera persoa de menos de quince goste de vivir baixo o mar ou no espacio. Materiais de refugallo para darlle forma aos distintos elementos cos que poderán pintar, modelar ou pegar ate dar corpo a súa particular polis. A maqueta quedará logo á vista para quen queira tomar nota das preferencias urbanísticas da xente miúda.

O ilustrador Pablo Otero ten traballado na elaboración de escenografías para teatro ademais da elaboración de cartaces. Formouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e ten na súa traxectoria distintos premios e distinción polo seu traballo artístico e creativo. Con “Contos por teléfono” acadou o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración no 2011.



x