Música clásica con letra e cor

Música clásica con letra e cor
As catro estacións
As catro estacións  
Con “As catro estacións” de Vivaldi, a editorial Kalandraka inaugura a súa colección de Música Clásica. Música, moita cor e maxia para achegar as crianzas ás composicións clásicas.

Sons da natureza dán o ton ao texto literario de “As catro estacións”, un libro-cd composto por catro primeiras figuras para que nenos e nenas gocen achegándose á música clásica. Dunha banda, o gran Vivaldi que nesta primavera comeza de novo o transcorrer melódico polas súas poderosas catro estacións. Despois Emilio Urberuaga, gañador do Premio Nacional de Ilustración 2011 que pon a cor e a imaxinación das súas ilustracións ás composicións do músico barroco. A letra vén da man de José Antonio Abad, responsábel de varios programas didácticos de achegamento á música. Para completar o luxoso elenco Sara Chang ofrece o virtuosismo do seu violín co acompañamento da Orpheus Chamber Orquestra.

“As catro estacións” é o primeiro volume dunha colección que ofrecerá no futuro outras grandes obras de música clásica pensadas para nenas e nenos. A editorial entende esta aposta como unha continuación á colección de Ópera en que viron a luz obras como A frauta máxica de Mozart, Aida de Verdi ou O barbeiro de Sevilla de Rossini, coordinada tamén por José Antonio Abad.

O relato da natureza constrúese con sons, cores, imaxes e unha narración máxica que cadra ben co ritmo das composicións de Vivaldi, en especial, cos desta primavera en que o campo comeza a florecer.



x