O Apalpador continúa a súa ruta e visita Barreiros

O Apalpador continúa a súa ruta e visita Barreiros
Imaxe de Leandro Lamas
Imaxe de Leandro Lamas  
O domingo ás 18.30 o Apalpador compartirá contos do Courel coa cativada de Barreiros e agasallaralle unha pranta dunha árbore autóctona. O vello carboeiro chegará á Mariña xa pola mañá convidado polo Colectivo Cultural Ollomao que trae tamén para facerlle compaña a Pablo Díaz e o seu espectáculo “Tic-tac”.

O carboeiro de longas barbas non para de percorrer o país. As asociacións culturais son as súas mellores anfitrionas neste percorrido e o domingo visita a Mariña da man do colectivo Ollomao que o recibirá en Barreiros entre as 11.30 e as 12.30 para ensinarlle distintos lugares do concello. Xa ás 18.30 estará na Praza do Concello para transmitir historias de nenos e nenas do Courel, contos lendas e relatos que, a bon seguro, encandilarán ás crianzas da Mariña. Como agasallo, desta volta non serán as castañas, senón pequenas prantas que darán no futuro árbores autóctonas para repoboar os nosos bosques.

Canda el aparecerá Pablo Díaz co seu espectáculo musical “Tic-Tac” que fará a xornada aínda máis festeira.

Para Ollomao “esta xornada constitúe un xeito de divulgar as tradicións e a cultura galegas, como un xeito de coñecer e pór en valor o propio de cara a normalizar as nosas tradicións; moito menos normalizadas e desprazadas por outras conmemoracións asumidas polo conxunto da sociedade”. Sitúan así como prioridade “que a sociedade galega coñeza as propias tradicións e daí o seu compromiso coa recuperación e a normalización das mesmas, compromiso que tenta transmitir na súa actividade habitual”.



x