O libro cunha cabeza e catro mans na lista do IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais

O libro cunha cabeza e catro mans na lista do IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais
Neno Can
Neno Can  

Cada ano o Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais elabora a súa lista con libros de todo o mundo. Desta volta hai un galego, O neno can (Galaxia), escrito man a man entre Francisco Castro e Fina Casalderrey.

 

O neno can son as historias de Aakesh, Nadim, Altair, Leila ou Carlos. Son relatos que fan tremer, abrir os ollos e mover conciencias. Nenas e nenos con nome propio a quen ninguén lles dixo que tiñan dereitos. Fina Casalderrey e Francisco Castro escribiron xuntos as súas historias. Con catro mans, dous corazóns e, como [email protected] din, unha soa cabeza.

Os correos corrían veloces dun enderezo a outro. Así se foi construíndo O neno can (editorial Galaxia), un libro asinado por Fina Casalderrey e Francisco Castro que tanto a unha como o outro consideran propio. Incapaces son, a esta altura, de identificaren quen puxo que. A obra labrouse a golpe de complicidade, de xenerosidade e de vontade de compartir cun obxectivo: denunciar as inxustizas que padecen crianzas por toda a parte. Unha porcentaxe dos dereitos do libro teñen como destino Unicef, co obxectivo de cambiar a historia de crianzas como Aakesh, Nadim, Altair, Leila ou Carlos. Ás catro mans dos autores literarios súmanse as dúas de Patricia Castelao, a ilustradora que pon imaxes ás historias do libro.

Que as súas iniciais sexan as mesmas non deixa de afondar no xogo de autoría compartida que experimentaron en O neno can. Fina Casalderrey e Fran Castro, F.C. nos dous casos, de maneira que só con esas iniciais abondaría para identificar calquera das autorías. “Foi como o experimento dos vasos comunicantes, en que os líquidos se xuntaban e o resultado é conxunto”, comeza a explicar Fina Casalderrey, marabillada aínda pola singularidade do proxecto. A moita distancia sitúa os libros de gastronomía galega que asinou co seu home. Estaban feitos na casa, compartindo tempo, espazo e vida co outro autor. “Posibelmente eu lle puxese poesía e Fran frescura mais, co libro feito, é difícil identificar quen fixo cada cousa. Foi unha sorte de milagre”, explica Fina Casalderrey.

 “Foi como o experimento dos vasos comunicantes, en que os líquidos se xuntaban e o resultado é conxunto”

Intravenosas aos sentimentos

“O proceso foi frenético e intenso. Sempre dicimos que está escrito a catro mans mais cunha soa cabeza. Foi moi fácil traballar con Fina porque é unha muller moi xenerosa. Discutiamos todo, mesmo a colocación das comas, mais nunca houbo friccións”, engade Francisco Castro.

“Queriamos que fose como os foguetes das festas, que batese no peito. Os relatos tiñan que facer cambalear a quen os lese, tivese a idade que tivese. Que fosen inxeccións intravenosas directas ao sentimento” comenta Fina Casalderrey, duns contos que, de certo, emocionan. Nos textos literarios e en todo o material que rodea o libro, resplandecen os nomes das crianzas protagonistas de cada un dos relatos. Aakesh, Nadim, Altair, Leila e Carlos, cobran unha singular forza. “Foi á mantenta. Queriamos poñerlles nomes porque son historias particulares que teñen corpo. A traxedia sempre ten nome e conmove máis se é así. As imaxes de [email protected] de África con fame repetíronse e fixéronse cotiás. Que eses [email protected] teñan nome é importante para afondar na denuncia das súas situacións”, defende Francisco Castro.

Para Fina Casalderrey, o obxectivo foi “remexer as conciencias, denunciar as situacións inxustas e contribuír a que non se repitan. Que se algún día alguén ve un neno collendo algo do lixo, que non lle chame can”.

"Obxectivo foi “remexer as conciencias, denunciar as situacións inxustas e contribuír a que non se repitan. Que se algún día alguén ve un neno collendo algo do lixo, que non lle chame can”.

Contaban con que o libro fose lido pola cativada que, tantas veces, vive allea á traxedia que padecen tantas persoas da súa idade. “Trátase de historias moi duras, dun neno que ten que recoller comida no lixo, dunha nena obrigada a se prostituír, dun cativo que vive nunha favela... mais, ao final, sempre hai espazo para a esperanza e iso é o que queremos que as nenas e nenos reciban”, di Franciso Castro. “Son máis novos, porén non menos intelixentes e son quen de entender a inxustiza e se rebelar contra ela”, di Fina Casalderrey, e ese é o destino do libro que, como din, está feito con catro mans, unha cabeza e dous corazóns.

 



x