Os monstros quedan orfos con cincuenta anos

Os monstros quedan orfos con cincuenta anos

Cando Max volveu ao seu cuarto, a cea aínda estaba quente. Desde que a nai a puxera, el viaxara polo mundo dos monstros e comprobara que eran ben mellores ca el. Max e os seus monstros quedaron orfos cando están a piques de cumprir 50 anos. Adeus a un dos grandes nomes da literatura infantil, Maurice Sendak. 


“A noite en que Max vestiu o seu traxe de lobo e empezou a facer trasnadas dunha clase...” así comeza un dos libros que máis nenos e nenas leron en todo o mundo e continúa marabillando coas súas magníficas ilustración e a fantasía do seu relato. Max, o protagonista de Onde viven os monstruos ven de quedar orfo coa morte de Maurice Sendak, quen lle deu vida hai case cincuenta anos.

Max é tan irreverente que quere comer á nai e consigue amansar aos monstruos. Sendek deulle unha volta á literatura infantil e atopouse con outra linguaxe que se achegaba a aquelas crianzas que reviran os ollos e torcen o fuciño. Deixou a unha beira os contos de princesas e finais felices e adentrouse no mundo dos monstros, moito máis atractivo para todas as xeracións de nenos e nenas que gozaron co seu mundo imaxinario e se converteron en novos Max viaxando en barco sen máis ninguén a atoparse coa illa na que viven os monstros.

O libro saiu publicado en 1963 e chegará ao seu medio século o próximo ano. Non perdeu vida en todo este tempo. A súa sona foi medrando e engaiolando a novas camadas de criaturas e converténdose, en certa medida nun icono cultural e un clásico da literatura infantil. Non por acaso, o propio Obama chegou a lelo en público e destacalo como un dos preferidos das súas fillas. Os monstros foron contraculturais, irreverentes, progresistas mesmo nun tempo no que se quería romper a orde establecida. No 2010 chegaron ao cine da man de Spike Jonze. 

En galego o libro chegou a nós no ano 2000 pola editorial Kalandraka, responsábel tamén da súa publicación en catalán, euskera e portugués. Na súa páxina pódense ver as primeiras páxinas do libro e adentrarse na súa marabillosa historia. O blog recolle tamén unha lembranza ao pioneiro constructor de álbums ilustrados. En setembro do pasado ano publicou Bumble-Ardy, o seu último libro despois de tres décadas de silencio. No ano que ven sairá publicada a homenaxe ilustrada ao seu irmán Jack. 

Sendak tiña nacido en Brooklyn en 1928, procedente dunha familia de inmigrantes xudeos de Polonia. Os primeiros monstros dos que ouviu falar foron os nazis que perseguiron aos seus. Dicía que tiña mal humor e era un anaco gruñón e, talvez por iso, fuxía do sucre e o mel que empalaga tantas veces os soños máis cativos. Dicía que o seu era facer “libros bos para nenos malos” e por iso o seu Max era traste, máis monstro que os propios monstros. Tanto, que ate a nai o ameaza con castigalo sen cear. Vaia nai e vaia fillo!



x