Pippi Meiaslongas vestida de violeta

Pippi Meiaslongas vestida de violeta
Obxectos "Pippi" na libraría Lila de Lilith
Obxectos "Pippi" na libraría Lila de Lilith  
Chapas, libros, caixas de música, latas… na libraría feminista de Compostela, Lila de Lilith a imaxe de Pippi Meiaslongas repítese nos andeis. Cúmprense dez anos da morte de Astrid Lindgren e a personaxe que creou hai máis de setenta anos continúa a ser un dos máis divertidos referentes da liberación das mulleres.

Pelo laranxa e trenzas en tensión, vestido desigual e colorido, meias longas, zapatos multiusos e divertida cara pecosa cun sorriso case eterno. Pippi Meiaslongas –como se deu a coñecer no Brasil fronte á Pippi das Meias Altas de Portugal- segue a ter a mesma enerxía dos nove anos cos que naceu en 1941, cando Astrid Lindgren se botou a escribir contos para lle ofrecer a súa filla enferma. A personaxe non lle podía ter saído máis desbaratada. Pippi era incríbel, libre e autosuficiente como aínda non nacera nin na literatura nin no cine nena algunha. Tal vez por iso facía que todas as crianzas pensaran que podían vivir por si mesmas, xestionando a súa casa e a súa vida, divertíndose con irreverencia, vestindo a cores e rindo a cachón.

Non lle podía ter saído máis desbaratada. Pippi era incríbel, libre e autosuficiente como aínda non nacera nin na literatura nin no cine nena algunha.

 

A Pippi sempre lle caíron enriba sermóns conservadores que criticaban que unha nena vivise unicamente cun cabalo a pintas e un mono tití e administrase por ela mesma un saco cheo de ouro. Personaxes moito máis delirantes ten habido abondo na literatura infantil, a comezar pola Carapuchiña vermella, a Brancaneves vivindo con sete ananos ou mesmo a sacrificada Cincenta, por certo, case todas orfas. Porén, a das Meias Longas era respondona e imaxinativa, valente e trampeira, aventureira e libre. Perigosa, en fin, para unha educación que continuaba nos corenta, nos cincuenta, nos sesenta, nos setenta e mesmo ate hoxe perpetuando o sexismo nos xogos e na vida.

Feminista como Astrid

Pippi Lagnstrump convertiuse nun fenómeno que ía durar e a se manter áxil e moderna moito máis do previsto. As series televisivas continúan na memoria das nacidas nos sesenta e nos setenta, cando unha de cada dúas nenas cando menos se disfrazaba nalgunha ocasión coas meias longas e as trenzas laranxa de punta. A súa imaxe recoñecíbel e diferente continúa viva, tal vez agora non tanto nas menores de catorce anos pero sí nas súas nais, tías ou curmás maiores, aquelas que aspiran a ser Pippi nalgunha ocasión. Son as que mercan chapas, caixas de música, libros de contos ou latas na libraría Lila de Lilith ou soñan con visitar nalgunha viaxe fantástica a súa casa museo para se atopar cun cabalo a pintas ou un mono titi que lles provoque o sorriso ao se lembrar daquela nena que as fixo un anaco máis irreverentes.

A das Meias Longa era respondona e imaxinativa, valente e trampeira, aventureira e libre

A Astrid Lindgren a Pippi saiulle feminista porque ela xa o era. Nacida en Suecia en 1907 comezou a imaxinar a Pippi cando en 1941 a súa filla enfermou. No inicio, os contos da rubia non tiveron moita fortuna. Como a tradición marca para tantas obras de éxito, foi rexeitada pola primeira editorial na que tentou publicalos. Pouco sabía entón Astrid que Pippi ía tirar para adiante –mesmo andando para atrás, como adoitaba facer- para medrar con tanta forza como para  ensombrecer á creadora, á maneira daqueles grandes personaxes que nalgún momento se tornan case de autoría anónima.

Lindgrend gañou o Hans Christian Andersen en 1958 e asinou moitas máis obras pero é Pippi a que fai que os ollos de nenas de todo o mundo miren para Suecia e soñen que, aínda só sendo na imaxinación, non se debía vivir mal con máis forza que o corpulento Adolfo o Poderoso, un cabalo branco, un mono titi e toda a liberdade para saír e entrar e mesmo comer o mundo a anacos.



x