Pirilampo regresa con "Ollos de mel"

Pirilampo regresa con "Ollos de mel"
portada de ollos de mel
portada de ollos de mel  

Ollos de mel, é o título dun canto de berce e tamén do terceiro disco e DVD do grupo Pirilampo, publicado pola AS-PG que se presenta este sábado día 10 de novembro ás 18 horas no centro Cívico dos Mallos, na Coruña. Música como recurso pedagóxico para as aulas, materiais para o taboleiro dixital e moito ritmo para aprender cantando. 

 


Con música e literatura brillan estes Ollos de mel que a AS-PG achega para o seu uso en centros de ensino e casas particulares, como recurso pedagóxico de música e literatura e tamén para aprender e gozar na casa. Nove cancións nun CD e un DVD coa participación de nenos e nenas de nove colexios da Coruña ademais de catro temas para taboleiro electrónico.

Ollos de mel é a terceira entrega do grupo Pirilampo, despois de publicar Cancións para Antía e Abracadabras, publicados todos pola AS-PG. Cencia, educación vial ou coñecemento do país son algúns dos temas deste traballo musical que lle dará ritmo á casa e ao colexio.

Pirilampo é un grupo musical que busca que as crianzas canten ao tempo que aprenden, gocen mentres coñecen, bailen cando cantan. Pirilampo é un animal que produce luz, un becho que dá para unha metáfora e unha palabra ben sonora. Á fronte do proxecto está Xosé Lois Seixo que comezou a se meter na música infantil despois do nacemento da súa neta Antía, protagonista do primeiro disco Cancións para Antía, un álbum no que as crianzas podían coñecer o corpo, a natureza e o país onde viven. Música tradicional acompañaba a toda a fauna e flora do noso entorno, a cultura e a vida no campo para o que contaban cun grupo composto por varios músicos do Conservatorio da Coruña mais o coro infantil da Sinfónica.

O resultado foi sorprendente. Nas aulas, o alumando traballaba coas cancións e o profesorado tiña na man uns materiais novos e divertidos con que ensinar palabras e descobrir o país. Os discos, como di Xosé Lois, “testáronse” nos colexios e pasaron as probas con extraordinaria nota. As letras eran acaídas e a música de calidade, un esforzo grande que se viu compensado coas moreas de propostas didácticas que os propios nenos e nenas elaboraron sobre as cancións.

Despois de Cancións para Antía nacería Abracadabras, xa co nome Pirilampo, un traballo musical sobre o poemario de Marica Campo do mesmo título. Maxia que xa se adiviña desde o título, o meigallo de música e palabras para que a cativada cante a cotío, que aprenda as letras e goce coas melodías. Se en Cancións para Antía, a natureza, o popular e o tradicional toman forza, en Abracadabras o mundo urbano xa aparece de maneira explícita nalgúns dos temas que o compoñen e deulle calidade musical ao proxecto, que a cada pouco foi incorporando instrumentos e persoas que enriqueceron o proxecto.

“A música é un elemento importantísimo para producir idioma e unha maneira afectiva de chegar ao país” di Xosé Lois, mentres lembra con entusiasmo as sesións nos colexios nos que 150 rapaces e rapazas pasaban coreando os temas desde que entraban até que saían. O ensino é o destino privilexiado do traballo de Pirilampo e iso levou a AS-PG a promover a publicación dos cedés, recibidos con entusiasmo por ensinantes e alumnado.

Ollos de mel é agora o seu terceiro traballo no que afondan nese encontro feliz entre a literatura e a música.  



x