Premio italiano para OQO por “O corazón do xastre”

Premio italiano para OQO por “O corazón do xastre”
Imaxe do libro.
Imaxe do libro.  
Un baleiro no lugar en que tiña que estar o corazón fai ao vello xastre abandonar o pazo e atoparse coa dureza da realidade. O libro O corazon do xastre, publicado pola editorial de Pontevedra OQO vén de ser galardoado co Premio Vittoria Samarelli na súa edición italiana.

O domingo día 2 de decembro en Montova, na Lombardía, a editorial OQO recibirá o Premio Vittoria Samarelli, distinción que se entrega aos libros que contribúen ao coñecemento, á creación e ao crecemento das crianzas. Con texto do vasco Txabi Arnal e imaxes da ilustradora arxentina Cecilia Varela, o volume publícase en Italia co nome Cuore di sarto, dentro da colaboración do selo pontevedrés con Logos Edizioni. Alén de italiano e galego, o libro está publicado en español, portugués e francés.

O album narra a emocionante historia do xastre que comeza a percorrer o mundo e tenta amañar todas as desfeitas que atopa ao seu paso. As imaxes da arxentina afiancada en México Cecilia Varela apórtalle sensibilidade e tenrura a unha historia en que os debuxos evocan emocións e se tornan case metafóricas.





x