Seis mans para "O neno can"


Seis mans para "O neno can"
Cun acto na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela presentouse o mércores día 16 o libro solidario O Neno Can, escrito conxuntamente por Fina Casalderrey e Francisco Castro e ilustrada por Patricia Castelao.

O neno Can, escrito conxuntamente por Fina Casalderrey e Francisco Castro, é unha iniciativa conxunta da Editorial Galaxia e Unicef Galicia e está ilustrado por Patricia Castelao. As dúas entidades uníronse co fin último de sensibilizar os máis pequenos sobre os dereitos da infancia. Na presentación aos medios interviñeron ademais dos escritores -que leron fragmentos do libro-, Pilar Sampil, xerente da Editorial Galaxia, e Manuel Sánchez Macho, presidente de Unicef Galicia. Os autores, dous referentes da Literatura infantil e xuvenil, escribiron xuntos e gozaron da experiencia de darlles voz a Aakesh, Nadim, Altair, Leila, Carlos e a outros moitos nenos e nenas de todo o mundo que ven vulnerados os seus dereitos máis básicos. A experiencia para eles foi única pois é froito de moitos correos electrónicos e moitas horas enriquecedoras. Cando escribían pensaban neses nenos aos que lles berran as tripas, algo contra o que loitar, algo que non debera suceder. Entre as miradas cómplices dunha escrita rica e creativa de fermosas e estilizadas ilustracións, e precedidos de cada un dos dereitos dos cativos, os contos do O Neno Can imprímense coa esperanza de que os milleiros de nenos e nenas do mundo teñan acceso a un comer, soñar e ser felices.



x