Unha okapi aparece no Courel

Unha okapi aparece no Courel
okapi no courel
okapi no courel  
Okapi é animal mestura. Se vos fixades atoparedes elementos de cabalo, de cervo, de cabra, de cebra ou de xirafa.

Okapi é animal mestura. Se vos fixades atoparedes elementos de cabalo, de cervo, de cabra, de cebra ou de xirafa. De achegármonos moito atopariamoslle mesmo trazos de moitas máis especies, burro ou reno, poño por caso. Okapis son animais con misterio, disque son fósiles pero en terras europeas ninguén sabía da súa existencia até o século XX. A apariencia é tenra, agarimosa e o seu nome soa a música.

Okapis semellan animais que tenden á igualdade e á non discriminación. Polo nome non identificamos se okapi é femia ou macho. Aquí non hai plural excluínte. Okapis son elas e eles. Okapis disque non hai en cantidade e se aparececen estarían sempre no Congo, localizados nun pequeno territorio do mundo.

Para nós ver okapis o máis doado será achegarnos ao zoolóxico de Lisboa, o máis antigo de toda Europa e situado no centro da cidade. Alí, nunha ladeira, está o recinto de okapis, fora do seu hábitat e pechados no medio de tantas especies animais das que son curmáns. Fóra diso, descoñécese que okapis teñan aparecido noutra parte do mundo.

Mais nós sabemos que no Courel hai unha okapi. Sentimos que chegou un día, misteriosa, de África. Gustoulle o lugar e decidiu ficar, incorporándose con facilidade á fauna dos nosos montes e ao ronsel de seres con misterio que alí habitan.

A Okapi do Courel asoma agora a súa cabeza en Sermos para nos ofrecer novas destinadas ás crianzas. Okapi sabe de todo, de obradoiros, de programacións de lecer, de libros, de música, de teatro… e quere compartilo cos nenos e nenas para que vivan máis ledos e poidan medrar nesa lingua que ela tan ben fala e que atopou no seu monte do Courel.



x