Editorial Sermos303: A Galiza que nos ocultan

Editorial Sermos303: A Galiza que nos ocultan
O Pórtico da Gloria coa súa policromía restaurada.
O Pórtico da Gloria coa súa policromía restaurada.  

Quedan un par de semanas para que poidamos ver, in situ, o resultado da restauración da policromía do Pórtico da Gloria. Moito se escribiu, e moito se falou —en castelán, obviando a lingua que falaban o Mestre Mateo e os seus discípulos— sobre a recuperación do seu esplendor, mais seguen a ocultarnos, e non por acaso, o contexto histórico e político en que se construíu a catedral de Compostela.

 

Que é do Reino da Galiza? Que da súa influencia na historia medieval e na arte románica e gótica? Nada se di tampouco do papel decisivo do rei galego Fernando II, soterrado no Panteón Real —a escasos metros da obra restaurada— na construción do Pórtico e no impulso do obradoiro do Mestre Mateo. Tampouco de Afonso VIII, que lle deu o empurrón definitivo á catedral e cuxos restos tamén descansan no Panteón Real. A historia da catedral e, por ende do Pórtico da Gloria, é indisociábel da existencia do Reino de Galiza e dos citados reis. A recuperación de parte do esplendor do patrimonio monumental ten que vir acompañada, necesariamente, da recuperación de quen somos. É indispensábel darmos a coñecer a historia da Galiza sen inxerencias dunha historiografía española que nos despreza e nos nega. Por algo, Sermos Galiza creou, hai máis dun ano, a sección mensal “A Galiza ignorada”. O obxectivo: divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas. Seguiremos no camiño.

 



x