Amnistía Internacional: ''O exército de Israel mata con total impunidade crianzas palestinas'

Amnistía Internacional: ''O exército de Israel mata con total impunidade crianzas palestinas'

AI vén de editar un informe: 'Gatillo fácil: o excesivo uso da forza por parte de Israel en Cisxorndania'. Non conta nada novo. O habitual do día a día en Palestina: asasinatos, ocupación, miseria, torturas, aldraxes.... Por iso, contámolo de novo.


Santiago Alba Rico deu no alvo. O intelectual e escritor español, comprometido como poucos coa causa palestina, reflexionaba: Mal asunto se Palestina copaba páxinas e titulares da prensa, pois iso supuña que Israel protagonizaba unha nova barbaridade-ataque-invasión-operación de castigo. E mal asunto se non, pois iso supuña que Israel masacraba igual mais había outros temas máis relevantes a nivel internacional a xuízo dos medios. Como que, por exemplo, en Dubai se erguía un portento de rañaceos ou en Arxentina atoparan un gaucho que levaba 6 días sen beber.

En 2013 as forzas de seguridade de Israel mataron só en Cisxordania a 14 palestinos por participar en manifestacións, dos cales 4 eran menores

'Gatillo fácil: o excesivo uso da forza por parte de Israel en Cisxordania' é o último informe de Amnistía Internacional. Un documento que recolle e apunta como desde o exército de Israel se cometeron asasinatos a mancheas en Palestina. Mesmo de crianzas. Sen que estas supuxeran nunca unha ameaza para soldados ou axentes. Matáronas. Así, sen máis.

“Hai probas de asasinatos que equivalerían a crimes de guerra” afirma AI. E Tel-Aviv indígnase e acusa a Aministía Internacional de anti-xudía e simpatizante de terroristas. Amnistía Internacional insiste: “Hai unha terríbel constante de homicidios ilexítimos e lesións inxustificadas causadas polas forzas de Israel a civís palestinos”.

Presumir de matar palestinos

As forzas de seguridade de Israel fan gala dunha cruel falta de consideración para a vida humana ao matar con total impunidade a ducias de civís palestinos, menores incluídos, nestes tres anos. Non vai entre aspas mais é a afirmación literal feita por Amnistía Internacional.

O ano pasado houbo máis de 8.000 palestinos feridos po,lo uso de material como pelotas de goma polas forzas israelís

Durante 2013 AI documentou a morte de 22 civís palestinos, 14 por disparos das forzas de seguridade ou exército durante manifestacións. Catro dos falecidos eran menores de idade. A isto hai que engadir que 261 palestinos resultaron con feridas moi graves (67 menores de idade) polo uso de munición real por parte de forzas israelís.

Suma e sigue do terror

En canto a palestinos que resultaron feridos por mor do uso de pelotas de goma e gases lacrimóxenos, foron 8.000 durante o 2013, dos cales 1.500 eran menores de idade. “É impresionante o número de feridos, é unha elocuente lembranza do que se vive no día a día dos palestinos”, afirmou Luther, representante de AI.

Para Amnistía Internaciona, soldados e policías de Israel optan por disparar, mesmo polas costas, a calquera palestino que guinde pedras

Esta ONG destaca que cada vez é máis habitual por parte de soldados e policías israelitas o disparar a matar contra calquera pelestino que guinde pedras contra institucións, persoas ou bens israelitas.