Editorial Sermos305: Día da Patria Galega, unha xornada de reivindicación

Editorial Sermos305: Día da Patria Galega, unha xornada de reivindicación
A faixa do Día da Patria Galega de 1968
A faixa do Día da Patria Galega de 1968  

Neste 25 de Xullo celébrase o 50 aniversario da reivindicación que fixera o nacionalismo galego en 1968, cando un grupo de militantes colgaba na Ferradura de Compostela a faixa co lema “Viva Galiza Ceibe e Socialista”. Medio século após as reivindicacións seguen a ter vixencia, a comezar polo dereito do pobo galego á súa liberdade e a decidir o seu futuro. Futuro, precisamente, é o que marca un Día da Patria Galega vivo que debe servir como revulsivo para reclamar o papel que, como nación, nos corresponde e avanzar, así, nun momento político decisivo en que Galiza está desaparecida.

Cómpre superar o actual estado de autonomía e construír un horizonte con instrumentos que permitan mellorar a vida do pobo galego. Cómpren oportunidades de futuro que rachen co centralismo caduco e coa corrupción dun réxime que nos afoga. Acreditamos na capacidade e potencialidades de Galiza. Somos un país rico, con talento, e se está esnaquizado é polo rol dependente que sufrimos.

A loita en defensa da soberanía e das clases populares cobra máis actualidade que nunca, tendo en conta que a única garantía para a liberación nacional e social é a autoorganización do pobo galego. O Día da Patria Galega é unha grande ocasión para nos unir como pobo para camiñarmos cara a unha Galiza que nos ofreza posibilidades e benestar.