EDITORIAL SERMOS315

Depender de Madrid no debate da AP-9

Depender de Madrid no debate da AP-9
Gonzalo Caballero preside unha Executiva do PSdeG en Lugo
Gonzalo Caballero preside unha Executiva do PSdeG en Lugo  Foto: PSdeG

Hai formacións que se definen como galeguistas, mais este é un adxectivo que, alén da retórica, se ten que demostrar na práctica día a día. O partido liderado por un Gonzalo Caballero que aínda non aterrou no Pazo do Hórreo ten a oportunidade de facerse valer diante dos ditados da Rúa Ferraz. E non en asuntos menores, senón en cuestións de importancia quer na orde simbólica quer na material, tales como a restitución do Pazo de Meirás ao patrimonio público e a transferencia da AP-9. Unha cuestión, esta última, que ten protagonizado encendidos debates polo cambio de posicionamento en función do lugar de voto.

Non é propio dunha formación galeguista que se defenda retirar da proposición de lei do traspaso da autoestrada a capacidade de revocación da concesión, actualmente en mans de Itinere. Esa faculdade foi no seu día suprimida do texto da iniciativa para sortear o veto imposto por Raxoi. Mais agora quen está na Moncloa é Sánchez e, portanto, non ten sentido que o Parlamento de Galiza se vete a si mesmo (ao renunciar de entrada á hipótese do resgate da AP-9), como ten defendido Leiceaga esta semana.

Os deberes do Goberno de Sánchez a respeito da Galiza van alén da AP-9. Urxe unha acción xudicial do executivo español para recuperar a propiedade sobre o Pazo de Meirás nun momento en que o neto maior de Franco anunciou que vende a súa parte do inmoble a unha empresa súa, nun intento de bloquear a recuperación do ben espoliado polo ditador ao pobo galego.