Editorial Sermos317: Feixoo, sen horizonte

Editorial Sermos317: Feixoo, sen horizonte
Feixoo, durante o debate
Feixoo, durante o debate  

O debate do estado da nación puxo ao descuberto que o goberno galego, nas mans do mesmo partido desde 2009, non ten máis horizonte que o relato autobiográfico do seu presidente. Feixoo limítase a pór en escena o seu personaxe unha e outra vez, esa historia beatífica dun político que sacrifica as súas ambicións persoais polo ben supremo do país. Alén diso, o líder do PPdeG oficia de xefe da oposición a Madrid sempre que na Moncloa non mora o máximo dirixente do seu partido. O argumentario complétase coa consabida guerra de cifras cos portavoces opositores, indescifrábel para a opinión pública. O debate tórnase pois nunha cuestión de fe —con cada freguesía a crer nos seus líderes—, e nunha partida coas cartas marcadas, pois o presidente da Xunta dispón dun sostén mediático —público e parapúblico— do que non goza ningún outro dirixente nen da península nen da contorna europea.


E como está a nación? Non desde logo como a retratou Feixoo, entregado a un exercicio de autocompracencia que nos dá unha clara pista do que cabe agardar do seu futuro desempeño como presidente: a repetición das fórmulas ensaiadas até agora. É certo que o país volta a medrar, no mínimo do ponto de vista macroeconómico, mais non é menos verdade que a riqueza que se cría está mal repartida e que as desigualdades se incrementaron baixo os sucesivos gobernos do PP. E o que si é unha evidencia é que este goberno non vai apostar en ter máis poder político e económico (outro financiamento) para mellorar a calidade de vida das persoas que compomos esta nación.



x