Editorial Sermos304: O PP reescribe a sentenza da valedora

Editorial Sermos304: O PP reescribe a sentenza da valedora
A valedora
A valedora  

O PP é un especialista en reinterpretar as sentenzas xudiciais. Niso non hai diferenza entre o PPdeG e o PP de Génova. Na resolución xudicial da Gürtel condenouse con toda clareza o partido conservador por se beneficiar dunha rede de corrupción estrutural coas raíces no despacho do seu tesoureiro. Mais durante a moción de censura Raxoi e os seus voceiros teimaron en negar a realidade e en reescribir a sentenza: a condena aos seus ollos viraba simplesmente nun reproche sen máis trascendencia que a imposición dunha multa.

 

Esa táctica negacionista replicouna o PPdeG esta terza feira no debate habido no Pleno do Parlamento sobre o cesamento ou non da Valedora do Pobo. A sentenza do TSXG é inequívoca: Milagros Otero extralimitouse das súas funcións e favoreceu a irmá do portavoz do grupo parlamentar do PP. Dito en termos coloquiais, un enchufe puro e duro. Pois ben, a voceira conservadora Paula Prado reelaborou a sentenza e fixo desaparecer dela a expresión "desvío de poder", no que segundo o tribunal tería incorrido a valedora.

 

Deste xeito, o PP utilizou a súa maioría absoluta para branquear unha conduta eticamente impresentábel. Feixóo non aprendeu nada da caída de Raxoi.

 



x