Editorial Sermos318: Tarifa eléctrica galega, imprescindíbel e posíbel

Editorial Sermos318: Tarifa eléctrica galega, imprescindíbel e posíbel
Encoro de Meicende que utiliza Alcoa
Encoro de Meicende que utiliza Alcoa  

O elevado prezo da electricidade, que supón o 50% dos seus custos de produción. Este é o motivo que esgrimiu Alcoa ao anunciar o feche do seu centro da Coruña, que dá traballo a 400 persoas. Con independencia das chantaxes da multinacional ao longo destes anos e de que se enriquecese coas plantas da Coruña e de San Cibrao após comprarllas á Sociedade Estatal de Participacións Industriais en 1998, unha tarifa eléctrica galega faise imprescindíbel para o sector produtivo e para que as familias se beneficien do feito de ser Galiza produtora excedentaria de enerxía eléctrica.


Faise incomprensíbel que nun país que produce enerxía a esgalla, por conta do espolio dos seus recursos naturais, haxa que pagar a luz máis cara que noutros territorio do Estado que non producen nada e que non soportan custo ambiental ningún. Por riba, as empresas que espolian os recursos naturais pagan os seus impostos en Madrid.


Mentres Euskadi está a piques de comezar a gozar da tarifa enerxética propia grazas ás negociacións das deputadas e deputados vascos no Congreso, na Galiza volveremos sufrir unha nova suba do recibo nas próximas semanas que suporá máis de 15 euros por fogar.