Editorial Sermos295: Unha CRTVG antigalega

Editorial Sermos295: Unha CRTVG antigalega
Instalacións da CRTVG en San Marcos
Instalacións da CRTVG en San Marcos  

Entre os obxectivos da creación da CRTVG atopábanse a promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a identidade de Galiza e o reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social do país. Nada máis lonxe da realidade. Ás vulneracións de dereito á folga e ás presións para evitar as críticas ao PP súmase agora o desmantelamento do 'Diario Cultural' da Radio Galega tal e como o coñecemos hoxe en día. Un programa emblemático que levaba case tres décadas medindo o pulso da realidade cultural galega, que xa era escasa no conxunto da CRTVG.

Nos últimos tempos, empobreceuse a programación da televisión e radio públicas e suprimíronse voces e contidos críticos co Goberno de Feixóo. Precisamente, o PP utiliza sen rubor a CRTVG ao seu servizo. Un uso corrupto e propagandístico que alimenta discursos proclives á desaparición do ente, que recibe cada ano por parte da Xunta de Galiza case cen millóns.

Son imprescindíbeis unha TVG e unha RG plurais que representen a realidade do país. Unha CRTVG  de todas as galegas e galegos. Uns medios públicos que actúen como alicerce fundamental de normalización lingüística, reforcen a cultura galega e garantan unha información independente.



x