O adianto das eleccións relanza o proceso independentista en Catalunya

O adianto das eleccións relanza o proceso independentista en Catalunya
[Imaxe ACN / NacióDigital]
[Imaxe ACN / NacióDigital]  

ERC e CiU asinan un acordo que obriga a @s [email protected] a apoioar o Govern de Mas e ao president da Generalitat a convocar eleccións anticipadas sen condicións.


Catalunya podería vivir unha tripla convocatoria electoral en 2015. Após as eleccións municipais de maio, o president da Generalitat anunciou na cuarta feira (14 de xaneiro) que adiantará os comicios ao Parlament para o 27 de setembro. Pola súa banda, se o executivo de Mariano Rajoy non varía a data, en novembro sumaríanse eleccións ao Congreso español. 

Co adianto electoral pactado por Artur Mas (CiU) e Oriol Junqueras (ERC) ambas as dúas forzas soberanistas tentan pular polo avanzo do proceso independentista após rebaixar de intensidade logo do 9-N e a ruptura da unidade de acción das organizacións políticas independentistas. 

Un acordo que obriga as partes a achegar posturas

Na xuntanza desenvolvida onte entre Mas e Junqueras, ERC e CiU recuperaron en boa medida a sintonía através dun acordo político que obriga a ambas as dúas partes a se comprometer co proceso. Dunha banda, o president da Generalitat tivo que adiantar os comicios mais non o fixo --como demandaba Esquerra-- para o primeiro trimestre do ano, senón para o outono. En contraprestación, Mas accedeu a que as listaxes electorais sexan separadas e sen condicións previas para a súa elaboración. Neste senso, as organizacións poderán levar ou non independentes nas candidaturas. 

ERC apoiará o Govern e os Orzamentos 2015 a cambio de que CiU convoque eleccións sen condicións

Asemade, os programas electorais recollerán unha folla de rota cara á independencia mais esta será ampla e negociada coas demais formacións independentistas. Segundo Mas este acordo está "moi avanzado". Esta folla de rota incluiría a convocatoria dun goberno de concentración que camiñe cara á independencia.  

O acordo alcanzado entre ERC e CiU obriga, no entanto, @s [email protected] a recuperar o acordo alcanzado en 2012 e deberán apoiar os Orzamentos de 2015 --bloqueados até o momento-- así como o Govern nos 9 meses que restan até a convocatoria electoral (27 setembro). 

Cara á independencia "en 2016"

"Refixemos o clima de confianza preciso para acelerar o proceso e culminalo para a independencia de Catalunya", dixo Oriol Junqueras. "É o mellor acordo posíbel, porque nos permite a todos votar (...) e ese era o obxectivo", acrecentou. 

O acordo foi testemuñado pola presidenta da ANC, Carme Forcadell, de Ómnium Cultural, Muriel Casals, e da AsAssociació de Municipis per a la Independència (AMI), Josep Maria Vila d'Abadal. As tres entidades simbolizan desta maneira o seu apoio á convocatoria electoral anticipada, principal demanda dos movementos sociais independentistas para garantir o re-lanzamento do proceso independentista.