Cayo Lara rexeita a intervención do portavoz das CUP ante Rato por "non facer parte da cultura española"


Cayo Lara rexeita a intervención do portavoz das CUP ante Rato por "non facer parte da cultura española"

David Fernández despediuse así do ex presidente de Bankia: "Até logo, gangster". Vídeo no interior. 

 

Segundo recolle o diario catalán Ara, o coordenador federal de Izquierda Unida rexeitou esta terza feira a intervención do deputado das CUP, David Fernández, na comisión creada no Parlament de Catalunya en relación coa desaparición das caixas de aforro por "non facer parte da nosa cultura española", asegurou.

David Fernández dirixiuse na súa quenda de palabra ao ex-presidente de Bankia, Rodrigo Rato --quen acudiu como comparecente-- para lle preguntar se tiña medo da cidadanía "que non ten nada" e emprazalo a vérense "no inferno" pois, dixo, "o medo vai cambiar de bando" e "o seu inferno", insistiu, "é a nosa esperanza". 

David Fernández pronunciouse desta maneira mentres sostiña na man unha sandalia coa que simbolizou --en referencia á cultura musulmá iraquiana-- "a humillación e desprezo" cara ao "poder do poder".

A súa intervención converteuse en poucos minutos no vídeo máis partillado do día nas redes sociais e alcanzou grande repercusión nos principais medios de comunicación cataláns e españois mais para o coordenador xeral de IU "non sei se isto" [en alusión á intervención de David Fernández] "resolve nada ou non" mais, acrecentou, "non fai parte da nosa cultura española".

Segundo Cayo Lara, o acaído con Rodrigo Rato é "que sente nos tribunais" en troca, dixo, "de ensinarlle un zapato".