A CUP enceta a renovación da súa executiva coa vista posta en escorrentar o risco de fractura

A CUP enceta a renovación da súa executiva coa vista posta en escorrentar o risco de fractura

A demisión en bloque de 6 dos 11 membros do Secretariat Nacional evidencia diverxencias entre as diversas sensibilidades da esquerda independentista que conviven na formación catalá.


O Consell Político da CUP vaise reunir o vindeiro 2 de xullo. Sobre a mesa terá a proposta de regulamento electoral feita polo Secretariat Nacional, do que a semana pasada demitiron en bloque 6 dos seus 11 integrantes, para a renovación deste órgano. Un proceso de renovación xa anunciado e previsto, mais que coas demisións adquiriu unha luz nova na que os focos dos grandes medios foron pousar sobre a heteroxeneidade que convive na CUP para concluír que alí o que había era algo a medio camiño entre o casos ingobernábel e unha guerra entre faccións. Os demisionarios falaron de certas “actitudes sectarias e maquiavélicas” e pedían un retorno aos principios fundamentais da CUP. Desde a formación responderon través dun comunicado que non partillaban os motivos expostos para estas demisións.

Enceta, pois, a renovación do Secretariat, do cal 11 dos seus membros deben ser elexidos nun formato de candidaturas colectivas. Deben, iso si, acadar un apoio mínimo do 65% dos votos emitidos, senón eses 11 postos distribuiranse de forma proporcional aos votos acadados. Os 4 integrantes restantes serán eleitos en candidaturas individuais. Os medios cataláns (Vilaweb, Nació Digital ou El Nacional) falan de que está a haber movementos para que a ese proceso se chegue cunha garantía de unidade e sen fracturas. O ex-deputado Quim Arrufat sería a persoa que estaría a realizar esa tarefa.

Cantas CUP hai na CUP?

No seo da CUP conviven diversas sensibilidades da esquerda independentista. De orixes e traxectorias diversas e con diferenzas, tamén, no ideolóxico. Algo lóxico e san nas 'unidades populares'. Nestes últimos meses evidenciáronse posicións enfrontadas (investidura de Mas, aprobación de orzamentos) na formación, mais até as demisións non trasluciran cara fóra diverxencias de tanto calado entre as correntes e organizacións que conviven na CUP. E son varias.

Poble Lliure. Nesta corrente enmárcanse os 6 demisionarios. Naceu en setembro de 2014, como resposta ao manifesto 'Nous temps, noves eines. Per la independència, pel socialisme, pels Països Catalans: ni un pas enrere'. Considerada a herdeira política do MDT, sitúana como a máis favorábel a entendementos con JxS para avanzar no 'procés' de independencia.

Endavant-Organització Socialista d'Alliberament Nacional. Naceu no 2000 e é, canda Poble Lliure, unha das correntes máis influíntes na CUP. Belixerante coa posibilidade de que Artur Mas fose investido, Endavant prioriza “as loitas populares” perante a “fronte institucional” e desde os medios adoitan presentala como o sector 'anti-capitalista' da CUP para contrapoñela ao sector 'independentista' que sería Poble Lliure. Pouco semella importar que ambas as dúas, Endavant e Poble Lliure, sexan independentistas e anti-capitalistas.

Crida Constituent. Son as persoas que sen ser militantes apoiaron a CUP nas eleccións do 27 de setembro e que proveñen en grande medida do universo dos movementos sociais. 

Constituents per la Ruptura. Naceron en xuño de 2015 da man dos críticos do 'Procés Constituent', que se enfrontaron a Teresa Forcades por defender que nas eleccións cataláns había que unirse coa CUP e non con ICV e EUiA, a opción que gañou no Congreso. Nas eleccións xerais do 20D pediron o voto para ERC.

Corrent Roig. A sección catalá de Corriente Roja, sección no Estado español da Liga Internacional dos Traballadores-Quinta Internacional, organización de inspiración trotskista. Afirmaron que investir Artur Mas transformaría a CUP nunha Esquerra Republicana bis.

Lluita Internacionalista. Descríbese como “organización política revolucionaria” e “trostkista”. Nas pasadas eleccións xerais do 20 de decembro pediron o voto para En Comú Podem.

SEPC. É a organización sindical universitaria da esquerda independentista. Fundada en 2006 como resultado da fusión de Alternativa Estel e a Coordinadora d'Estudiants dels Països Catalans (CEPC).

Coordinadora Obrera Sindical. (COS) defínese como “sindicato para a liberación de xénero, de clase e nacional dos Països Catalans”. Naceu en 1987. Moi crítica con permitir que Convergéncia “lidere” o 'procés'.

Arran. Organización xuvenil que naceu entre 2008 e 2012 da confluencia de Maulets,a Coordinadora d'Assemblees de Joves de l'Esquerra Independentista e outras entidades. Chegou a ameazar con se desvincular da CUP se esta investía Mas como president.

En Lluita. Defínese como «anticapitalista e revolucionària». Fai parte da International Socialist Tendency, agrupación de organizacións trotskistas. Após as eleccións do 20 de decembro  amosouse favorábel a crear unha “fronte de esquerda transformadora” con En Comú Podem.

Col·lectiu Drassanes. Naceu en decembro de 2013 coa vontade de “achegar as nosas análises e propostas de acción para axudar a ANC e a sociedade catalá a potenciar a capacidade de impulsar a vontade popular para acadar a plena independencia de Catalunya”.