APÓS OS 30 ANOS NO CARGO

Duran i Lleida abandona a Presidencia de Unió

Duran i Lleida abandona a Presidencia de Unió
Durán i Lleida diante a imprensa
Durán i Lleida diante a imprensa  SG

O líder e candidato de Unió, Josep Antoni Duran i Lleida, deixa a Presidencia desta formación após ocupar este posto na formación política de maneira durante case trinta anos, 28 dos cales foron de maneira ininterrompida.


O que fora presidente de Unió Democrática de Catalunya de maneira ininterrompida desde 1987 deixa o seu cargo á fronte do partido. Anuncioullo na mañá deste sábado a TV3, canle á que lle confirmou que lle trasladará a súa decisión ao Consello de Goberno de Unió no día de hoxe.

Duran i Lleida, que tamén ocupara a Presidencia de Unió entre o 1982 e o 1984, sinalara após coñecer os resultados do 20D que non pensaba dimitir, “sería unha temeridade pola miña parte deixar a Dirección do partido”. Afirmara entón que “cando estea definido o calendario político de Catalunya, Unió definirá o seu congreso e eu tomarei as decisións que teña que tomar. Nas pasadas eleccións xerais, Unió non obtivo representación na Cámara Baixa.

O cabeza visíbel de Unió recoñeceu os malos resultados da formación política nas eleccións catalás do 27 de setembro e nas do 20 de decembro, “non se pode agochar a cabeza baixo a á e facer ver que non pasou nada”. Após os comicios cataláns, Duran i Lleida puxera a disposición do partido o seu cargo, mais decidiu presentarse como candidato o 20D porque consideraba que era a súa obriga.

Duran i Lleida (Alcampell, 1952) entrou a militar en UDC en 1974. O primeiro cargo que ocupou foi o de concelleiro en Lleida. Desenvolveu un papel fundamental cando Unió se coligou con Convergencia para gobernar Catalunya durante décadas. Ficará na súa retina a imaxe do 11 de setembro de 2012, cando após de dubidar se unirse ou non á manifestación da Diada baixo o lema “Catalunya, novo Estado de Europa” decidiu aparecer na mobilización. Con muletas, polos problemas de mobilidade que tiña, recibiu apupos e moedas ciscadas ao chan ao seu paso.