A FORMACIÓN INDEPENDENTISTA VALORARÁ A OFERTA ESTE DOMINGO

Junts pel Sí propoñen unha presidencia colexiada para a CUP investir Mas

Junts pel Sí propoñen unha presidencia colexiada para a CUP investir Mas
Junqueras, Mas e Romeva. Foto: NacióDigital
Junqueras, Mas e Romeva. Foto: NacióDigital  NacioDigital

O labirinto catalán continúa a enroscarse sobre si mesmo. A incerteza continúa a ser total. Hai unha última oferta sobre a mesa, revelada en exclusiva esta quinta feira por Ara: Junts pel Sí propoñen á CUP unha sorte de presidencia colexiada. Trataríase de restarlle poderes a Mas para convencer a CUP de o investiren presidente.

A última oferta de Junts pel Sí é criar unha sorte de secretariado presidencial composto por 4 persoas. Formalmente o presidente continuaría a ser Mas, embora con competencias recortadas. Canda el nese órgao de coordenación executiva -que sería unha especie de goberno dentro do goberno- estarían Raül Romeva, Oriol Junqueras -o líder de ERC- e a man direita do propio Mas, a vicepresidenta Neus Monté.

Segundo revelou esta quinta feira en exclusiva Ara, este órgao sería un Consello da Presidencia colexiado.

Non son irrelevantes dentro da CUP as voces a prol dun acordo con Junts pel Sí que pasaría por acceder a investir Mas coa condición de avanzar na ruptura co Estado español

Mais a pelota continúa no tellado da CUP. A formación independentista e anti-capitalista é por definición plural e de base asemblearia e non hai unha posición unívoca ao respeito. Non son irrelevantes as voces a prol dun acordo con Junts pel Sí que pasaría por acceder a investir Mas coa condición de avanzar na ruptura co Estado español e na inmediata elaboración dun plano de choque social. Nesas fileiras destaca o colectivo organizado Poble Lliure. Endevant, a forza marxista máis organizada dentro da CUP, mantén, en troca, a súa oposición a empoleirar Mas.

A incógnita vaise despexar presumibelmente este domingo no curso dunha xornada de debate nacional na que terán voz, voto e palabra os por volta de 1.500 militantes da CUP.