A ANC PIDE A DECLARACIÓN UNILATERAL DE INDEPENDENCIA SE NON SE REALIZAR A CONSULTA

Mas arrefría o proceso anunciando eleccións anticipadas de non se votar o 9-N


Mas arrefría o proceso anunciando eleccións anticipadas de non se votar o 9-N

O president da Generalitat, Artur Mas, avanzou que convocará eleccións anticipadas se non existen "plenas garantías" para o referendo do 9N.

Que o 2014 será unha data histórica para Catalunya é practicamente indubidábel. Para alén de se cumprir o Tricentenari da toma de Barcelona polas forzas borbónicas e dunha masiva Diada, o futuro do país fica marcado pola convocatoria dun referendo de autodeterminación para o vindeiro 9 de novembro. 

Após se aprobar a Lei de consultas --que continúa o seu transcurso lexislativo e que será votada polas Cortes catalás esta sexta feira-- a Generalitat ten previsto convocar a consulta que garanta o dereito de Catalunya a decidir. Porén, as diverxencias no seo de CiU e os titubeos do president, Artur Mas --evidenciados nalgunhas das súas últimas declaracións-- abren un novo escenario que as forzas independentistas da Cámara --ERC e CUP-- rexeitan. 

ERC: "As garantías democráticas dependen do Govern"

Eleccións plebiscitarias

Na súa intervención con motivo do debate sobre política xeral que acolle o Parlament, Mas insinuou --ou afirmou veladamente-- que adiantará as eleccións catalás se finalmente o 9 de novembro non se dan "plenas garantías" para desenvolver a consulta en condicións, dixo, "democráticas". Mas referiuse así ao rexeitamento do Tribunal Constucional español á Lei de Consultas que, segundo dixo, impediría convocar no marco da "legalidade" a consulta. 

Nese contexto, Mas advertiu que podería adiantar as eleccións ao Parlament, embora afirmar que "gostaría de rematar a lexislatura". Para as forzas independentistas da Cámara --ERC e CUP-- este feito non se axustaría ao acordado nen tampouco á expresión popular manifestada na Diada que clamou pola convocatoria do referendo. 

CUP: "As eleccións anticipadas non son unha boa solución"

"As garantías democráticas dependen do Govern", sinalou o secretario xeral de ERC, Lluís Salvadó, en resposta ao president. As declaracións de Salvadó súmanse ás expresadas polo líder de Esquerra, Oriol Junqueras, que animou a "saltar a legalidade española" obedecendo o "mandato que temos do Parlament", dixo. 

Pola súa banda, o deputado da CUP, David Fernández, considerou "o escenario máis probábel" as eleccións anticipadas insinuadas por Mas. Porén, lembrou que "as condicións democráticas xa están dadas" da man da Lei de consultas que a Cámara aprobará --con toda certeza-- a sexta feira. Neste senso, Fernández coidou que adiantar os comicios "non" é unha "boa solución". 

Declaración unilateral de independencia

Así as cousas, David Fernández subliñou que "aínda que nos pese, o único que está por definir é cando" se desenvolverán esas eleccións que a todas luces se presentarán como plebiscitarias. 

A ANC reclama unha declaración unilateral de independencia se non houber consulta 

Mais o anuncio de Artur Mas racha coa folla de rota que marcou a Assemblea Nacional Catalana, a maior entidade --até o momento-- que congrega @s cidadás a favor da consulta o 9 de novembro.

As súas demandas foron presentadas na propia Cámara lexislativa da man da súa presidenta, Carme Forcadell, e do presidente da Asociación de Municipios pola Independencia (AMI). Desenvolver o referendo e, se non for posíbel, emitir unha declaración unilateral de independencia. 

Unha proposta que, semella, o president da Generalitat non estaría a considerar.