Pujol renuncia á presidencia de CIU e ás prerrogativas como ex-presidente

Pujol renuncia á presidencia de CIU e ás prerrogativas como ex-presidente
pujol-crop
pujol-crop  

O ex-presidente da Generalitat Jordi Pujol renuncia aos cargos honoríficos en CDC e CIU e ás súas prerrogativas pola súa condición de ex mandatario do goberno catalán. Pujol tería tomado a decisión en conversa con Artur Mas antes de dar a coñecer que mantiña unha fortuna en paraísos fiscais. 


A sexta feira, nun encontro co presidente da Generalitat Artur Mas previo a darse a coñecer que o ex-presidente mantiña unha fortuna en paraísos fiscais, Pujol teríalle anunciado a súa vontade de renunciar aos cargos honoríficos en CDC e CIU, máis ás prerrogativas das que goza súa condición de ex-presidente do goberno catalán. O propio Artur Mas fixo pública a decisión de Pujol nunha conferencia de imprensa que se desenvolveu esta terza feira no Palau da Generalitat na que sostivo que o seu antecesor lle tería comunicado a decisión nun encontro que tivo lugar antes de dar a coñecer publicamente a noticia de que tiña unha grande cantidade de cartos ocultos durante 34 anos en paraísos fiscais, segundo sinalou, provenientes da herdanza de seu pai. 

Pujol deixará de recibir a pensión de máis de oitenta mil euros na súa condición de ex-presidente ademais da renuncia ao coche oficial e chófer e ao despacho no paseo de Grácia. Mas lamentou a situación do que chamou o seu “pai político” e afirmou que sentía unha “grande dor persoal e como presidente do país” ademais de engadir que Pujol estaba a poñer “as máximas facilidades”. 

Mas informou esta terza feira ao resto do goberno da decisión de Pujol e a vindeira quinta feira o Parlament de Catalunya debaterá a comparecencia do ex-presidente para dar conta da orixe dos cartos e as razóns para que fosen ocultados en paraísos fiscais.