Revolta contra as peaxes en Catalunya


Revolta contra as peaxes en Catalunya
A campaña de desobediencia civil de non pagar as peaxes en Catalunya que comezou hai uns meses chegou ao seu día máis combativo.

Desde a plataforma "Proupeatges" convocouse unha protesta masiva o 1 de maio ás 12 do mediodía en 14 peaxes. As reivindicacións queren denunciar o que denominan un imposto indirecto e a nula inversión estatal en Catalunya. Segundo a concesionaria das autoestradas Abertis, tivo un alto seguimento e xa se fala de que máis de 1.500 persoas rexeitaron pagar desde o comezo da protesta.
Os sindicatos estatais CCOO e UGT non comparten as razóns que reivindican.  Nun comunicado de CCOO das concesionarias Acesa - Aucat - Invicat critican as reivindicacións daquelas persoas que non queiran pagar as peaxes e solicitan “presenza de seguridade pública”. Como razóns apuntan que a reivindicación contra o pago de máis impostos nas autoestradas é “unha campaña política”.
Por parte da UGT o secretario xeral da Sección Sindical UGT-Abertis autopistas de Catalunya pediu, neste caso por carta, que non se realice a protesta.

Reacción da Generalitat
Perante as protestas, o goberno catalán xa anunciou que non enviaría os Mossos para poñer multas ou deter @s utentes de autoestradas que non queiran pagar as peaxes. A Generalitat convocou unha reunión para o día 14 de maio en que se trataría o tema das peaxes e a que, nun principio, asistirían as empresas concesionarias, partidos políticos, sindicatos, cámaras de comercio e entidades da sociedade civil.
Ademais da páxina oficial do movemento cívico #novullpagar dous medios de comunicación fan un seguimento diario desta protesta en toda Catalunya. Pódense ver videos e as últimas noticias en vilaweb.cat e naciodigital.cat.