ANA SEIJAS, VICEPORTAVOZ DE EN MAREA

"Desde 2015 a hoxe as mareas cambiaron moito"

"Desde 2015 a hoxe as mareas cambiaron moito"
[Imaxe: SG] Ana Seijas
[Imaxe: SG] Ana Seijas  

Ana Seijas (Compostela, 1973), é viceportavoz de En Marea e responsábel das áreas de municipalismo e feminismo da organización, así como membro da Coordinadora e do Consello das mareas. En 2012, atraída polas novas formas de participación política, achégase por vez primeira ao activismo político co nacemento dun proxecto municipalista, Ames Novo, onde participa activamente desde entón. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 286.


5-A mediados de febreiro En Marea convocou en Compostela un encontro municipal no que tomaron parte por volta dunhas 200 persoas de 60 mareas. Que conclusións e liñas básicas tirastes desas xornadas?

 

-As liñas básicas que tratamos eran as formuladas na tese do Plenario, este encontro era para valorar a opinión das persoas inscritas en En Marea e da xente que traballa habitualmente nas mareas. Nós temos unha estrutura política diferente, dentro do que é o espazo político de En Marea conviven dúas especificidades: o espazo nacional que é En Marea e as mareas locais. Respectando a autonomía local que teñen as mareas municipais, entendemos que facemos parte do mesmo espazo, que procuramos o mesmo e a nosa maneira de querer transformar o país partilla obxectivos, pois o desafío que temos é un desafío conxunto. Con este encontro queriamos ver en que maneira En Marea é útil como ferramenta e que relacións estabelecer, xa que somos o mesmo espazo e temos que traballar de forma coordinada. As mareas chegaron en 2015 para transformar a política local, facer un xeito diferente de política, e desde entón traballamos para que isto sexa en todo o país. Sempre traballamos de forma horizontal, e neste encontro queriamos ver cales son as necesidades comúns e como artellar o traballo cara ás eleccións de 2019. En Marea ten aí un papel importante, porque pode dar acubillo, integrar para construír xuntas un espazo coas mareas locais, ofrecer ferramentas e crear espazos onde elas poidan construír conxuntamente.

 

-Unha das conclusións dese encontro foi que se debe traballar para que en 2019 non se repetise o que sucedeu en 2015 nalgunhas localidades: varias mareas concorrendo no mesmo concello. Como se pode concretar iso, evitar que nun municipio haxa máis dunha lista da denominada unidade popular, sen intervencionismo e respectando a autonomía local?

 

-A unidade popular é o gran valor que ten este espazo político. As mareas desde 2015 cambiaron moitisimo. Daquela estábase iniciando aínda este tipo movementos, era o xerme destas candidaturas nas localidades, e desde logo nós o que apoiamos eran as de unidade popular. Hai sitios onde concorreron máis dunha iniciativa, certo, e desde logo o que tentaremos fomentar é que en 2019 nos concellos haxa unha verdadeira unidade popular.

 

-2019 vai ser o primeiro exame nas urnas para estas candidaturas municipalistas ou de unidade popular. Que agardades desa cita?

 

-Afrontamos esas eleccións con ilusión. Hai gobernos de cambio en tres grandes cidades do país e tamén nunha serie de vilas e localidades. Cremos que é un proxecto que chegou para ficar, e que se vai consolidar, tendo en conta tanto a boa xestión feita nestes anos como o efecto de espallar noutras localidades a confianza neste xeito de traballar, de ver como son candidaturas que transforman os municipios, de facer políticas para as persoas, contando con elas. Por iso temos por seguro que 2019 vai ser unha consolidación dos espazos nos que estamos traballando e que iso se vai estender a outros concellos do país. Estou certa de que a nosa representación institucional nos concellos vai ser moi superior á lograda en 2015.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 286 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x