Os 23 escanos galegos para o Congreso teñen 52 listas pretendentes

Os 23 escanos galegos para o Congreso teñen 52 listas pretendentes

Un total de 52 listas de 16 organizacións competirán o 28A polos 23 escanos de Galiza. Só 12 opcións presentan candidatura nas catro circunscricións galegas.


Non lle faltan pretendentes aos 23 escanos galegos para o Congreso español nas vindeiras eleccións do 28 de abril. Son catro escanos menos que nas primeiras eleccións ás cortes españolas após a morte de Franco, un exemplo da perda de peso poboacional do noso país. Un total de 52 listas de 16 organizacións e coalicións políticas aspiran a se facer con algunha desas cadeiras por Galiza para a Cámara baixa española. Son as que lograron representación no noso país nas últimas eleccións xerais así como aquelas que se inscribiron após presentar as sinaturas de 0,1% do electorado de cada circunscrición onde queira concorrer.

En total, son 12 as candidaturas que concorren nas catro circunscricións galegas: PP, PSOE, En Marea, En Común-Unidas Podemos, BNG, Ciudadanos, Compromiso por Galicia, Vox, Pacma, Recortes Cero, Por un mundo máis xusto e Partido Comunista dos Traballadores de Galiza. Estiveron na cita de hai catro anos mais non están para este 28 de abril UPyD e Saín

Para alén desas candidaturas, hai outras que se rexistraron para competir por algunha das circunscricións galegas. É o caso de Converxencia XXI por Lugo, Escanos en Branco por Pontevedra, Partido Comunista Obrero Español pola da Coruña e Vivir Ourense pola circunscrición ourensá.

Non faltan ‘paracaidistas’ nestes comicios. Un exemplo é o de Begoña Conde, tía de orixe galega de Santiago Abascal, que vive en Gasteiz e encabeza a candidatura de Vox por Ourense. En 2015 facía parte da lista do PP nas municipais para a localidade vasca de Amurrio.



x