Un 6-D para celebrar: Os 87 anos da fundación do Partido Galeguista

Un 6-D para celebrar: Os 87 anos da fundación do Partido Galeguista
[Imaxe: Almanaque das Irmandades]
[Imaxe: Almanaque das Irmandades]  

España conmemora o 6 de decembro os 40 anos da súa constitución e Galiza celebra este día o 87 aniversario dun dos fitos políticos da súa historia no século XX: a fundación do Partido Galeguista.


O 6 de decembro de 1931 o Hotel Madrid de Pontevedra acollía a constitución do Partido Galeguista, que xermolou da VII Asemblea Nacionalista, decorrida entre o día 5 e o 6. Acordábase entón o modelo organizativo e mais os principais obxectivos do novo partido político ao que daban paso as Irmandades da Fala.

Por vez primeira, reclamábase o dereito de autodeterminación para Galiza e fixábase como principal desafío a redacción dun Estatuto. Alexandre Bóveda foi nomeado entón secretario de Organización, mentres que Castelao ou Otero Pedrayo formarían parte do Consello Executivo.

Aliás, integráronse no Partido Galeguista toda unha xeración de nacionalistas que deron luz ao Estatuto de 1936, apoiado maioritariamente en referendo o 28 de xuño, un fito histórico na Galiza. Un proxecto que, en palabras de Castelao, non recollía as aspiracións do nacionalismo mais representaba un punto de partida para as lograr. Porén, aos poucos días, o golpe militar truncaba a súa aprobación nas Cortes Españolas e colocaba no punto de mira as e os nacionalistas galegos.

Após a súa fundación, o Partido Galeguista, cuxo voceiro era A Nosa Terra, contaba con 700 afiliadas e afiliado e en 1932, contaba con 38 grupos locais e 2.300 afiliadas e afiliados. En 1932 expandiuse por toda Galiza e en 1933 os seus 60 grupos locais sumaban 3.000 afiliadas e afiliados. Após un retroceso momentáneo, en 1935 chegou a 5.000 militantes distribuídos en 90 grupos locais. A súa organización xuvenil, as Mocedades Galeguistas, naceron en 1934 e sumaron mil afiliadas e afiliados.



x