Unhas 750.000 persoas berran “liberdade” nas rúas de Barcelona

Unhas 750.000 persoas berran “liberdade” nas rúas de Barcelona
[Imaxe: Europa Press] Un manifestante protesta contra a brutalidade policial.
[Imaxe: Europa Press] Un manifestante protesta contra a brutalidade policial.  

A marcha convocada por a ANC, Òmnium e as máis de 500 entidades adheridas para protestar contra a sentenza do Supremo e reclamar a liberdade dos Jordis e as políticas en prisión congrega 750.000 persoas segundo os organizadores, algo menos da metade para a Guàrdia Urbana


Baixo unha pancarta co lema “Liberdade” portada polos familiares das presas e representantes das entidades organizadoras, coa Alianza Nacional Catalana (ANC) e Òmnium Cultural á cabeza, 750.000 persoas recorreron as rúas de Barcelona esixindo a liberación das encarceradas.

Porén, a Guàrdia Urbana cuantificou os asistentes en algo menos da metade, 350.000, o que provocou o enfado do vicepresidente de Òmnium, Marcel Mauri, que apuntou a que a única diferenza coa tamén multitudinaria manifestación de hai dous anos é que o concelleiro de seguridade de Barcelona “non era Albert Batlle”, do Partido Socialista de Catalunya.

Cando a manifestación alcanzou o escenario instalado na avenida Icària tivo lugar o acto central, consistente na lectura de manifestos. En nome dos familiares das presas falou Blanca Bragulat, parella de Jordi Turull: “Foi unha condena para eles e para nós”, asegurou, e tamén explicou que a violencia “non” os representa “nin agora nin nunca”.

Entre os asistentes tamén estaban o presidente do Parlament, Roger Torrent ou o president da Generalitat, Quim Torra, que expresou o seu desexo de que o movemento independentista “siga unido”, e agradeceu aos cidadáns que sigan “manifestándose, masiva e pacificamente”.  

Cargas policiais e uso de proxectís de foam

Finalizada a concentración tiveron lugar unha serie de incidentes cando a Policía cargou contra manifestantes que se concentraban ante a sede policial situada na Vía Laietana de Barcelona.

A reacción das forzas de seguridade foi disparar proxectís de foam para dispersar os manifestantes, advertindo asemade por megafonía da inminencia da intervención policial. O resultado desta cuantifícase en 44 persoas feridas, segundo o Sistema d'Emergències Mèdiques (SEM).