BNG convoca Asemblea Nacional o 17 de marzo a prol dun proxecto "capaz de recuperar a credibilidade"

BNG convoca Asemblea Nacional o 17 de marzo a prol dun proxecto "capaz de recuperar a credibilidade"
Vázquez na rolda de imprensa [SG]
Vázquez na rolda de imprensa [SG]  
O consello nacional da formación frontista vén de fixar a data, que confirma a información adiantada por este xornal xa na segunda feira. Guillerme Vázquez, actual portavoz, non concorrerá á reelección


O BNG vén de confirmar que a Asemblea Nacional da formación frontista se realizará o vindeiro 17 de marzo, domingo, tal e como adiantou Sermos Galiza xa na segunda feira.

En rolda de imprensa após a xuntanza do consello nacional, Guillerme Vázquez lembrou que, após os maos resultados colleitados nas eleccións do 21 de outubro, o debate que está riba da mesa diríxese cara ao obxectivo de "reorientar politicamente" a organización "e adaptala á realidade de crise económica e social" en que se atopa o País, e que o propio BNG ten cualificado de "emerxencia nacional".

Recalcou o voceiro nacional que o que cómpre é "ofertar" un proxecto político "útil e capaz de recuperar a credibilidade", na liña de que a reunión do cónclave fixada para marzo será "a fase final dun proceso de reflexión máis amplo" desenvolvido "de abaixo arriba" nos últimos meses. Referiuse Vázquez ao proceso aberto no consello nacional do 27 de outubro, en que el propio anunciou que non comparecerá como candidato á reelección, deixando a portavocía noutra boca após tres anos no cargo.

"O BNG é un barco que necesita dunha reparación, mais é o mellor barco e eu seguirei nel, mais non será como voceiro nacional", dixo daquela. Este sábado remarcou que os tempos na formación son para o debate e para ouvir as propostas e as críticas "da militancia e de persoas arredadas do BNG" a través de iniciativas como o #proponconnosco, polo que "nin por asomo" se falou de quen substituirá a Vázquez á cabeza da organización. Informou de que "algunhas desas achegas están a chegar aínda", e subliñou que a intención é incorporalas ao documento que será debatido na asembleia. 

Veto no acceso ao Parlamento: a orde do PP para "amordazar a discrepancia"

Na súa comparecencia perante os medios de comunicación, Vázquez referiuse tamén ao comunicado que a presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, fixo chegar esta sexta feira aos grupos políticos con representación parlamentar. Impúxolles Rojo un veto que lles impide convidar a cidadanía aos plenos, após a acalorada protesta contra o PP que en decembro protagonizaron @s [email protected] polas participacións preferentes

"Teñen que saber que non son os donos do Parlamento, e esta decisión, que non se tería tomado sen a complicidade do PP, é máis unha tentativa de amordazar a discrepancia, silenciar a disidencia e ocultar a verdade".

Taxativo, o voceiro nacional do BNG rexeitou esta orde e adiantou que procurarán unha alianza co resto de forzas da oposición para obrigar á presidenta a recuar nunha teima que Vázquez cualificou de "casus belli". Para alén da formación frontista, xa na sexta feira se pronunciaron nesta liña os grupos de PSOE e AGE, namentres o PP garda silencio.