Denunciarán en Bruxelas "os incumprimentos da Xunta" na xestión de residuos após o rexeitamento da ILP dos 3Rs

Denunciarán en Bruxelas "os incumprimentos da Xunta" na xestión de residuos após o rexeitamento da ILP dos 3Rs
Manifestación contra a incineración no Deza
Manifestación contra a incineración no Deza  Ramsés Pérez

Segundo @s populares, a proposta parte "de premisas falsas". Desde a comisión promotora advirten que non van quedar [email protected] e que "denunciarán os incumprimentos da Xunta en Bruxelas"


A Iniciativa Lexislativa Popular para a aplicación en Galiza dos principios de reutilización, redución e reciclaxe foi vetada polo Partido Popular esta segunda feira. Os votos do grupo maioritario impediron a súa toma en consideración e, polo tanto, non será tramitada pola Cámara galega. 

Embora contase co aval de máis de 20.000 persoas, a ILP foi rexeitada polo Partido Popular argüíndo que esta parte "de premisas falsas" e bate contra a incineración como "modelo de valorización enerxética" dos residuos. Daniel Varela, que exerceu de portavoz do grupo popular na quenda de intervención das forzas políticas, loubou a actual xestión de residuos promovida desde a Xunta de Galiza e asegurou que a incineración é unha "medida ambiental necesaria" que, aliás, "complementa" os principios que motivaron a ILP debatida na sesión plenaria. 

A Comisión promotora denunciará na Comisión europea os incumprimentos da Xunta na xestión de residuos

Desde a Comisión promotora da iniciativa aseguran que os argumentos do PP "son falsos" e que "non imos quedar parados". María Lafuente afirmou, en conversa con Sermos Galiza, que acudirán ás insititucións comunitarias para denunciaren "os incumprimentos" da Xunta de Galiza en materia de xestión de residuos, sendo que o executivo galego "non está a cumprir coa lexislación" vixente. 

O deputado popular Daniel Varela defendeu a incineración como "medida complementaria" á reciclaxe e "necesaria" no tratamento de residuos

Malia os dados achegados polo representante da Comisión promotora, Manuel Soto, que poñen en cuestión boa parte dos argumentos empregados polo PP para defender o seu rexeitamento, o deputado popular dixo discrepar "no fondo e na forma" da iniciativa por entender que non é acaído "facer unha lei para cumprir a lei". Porén, desde o grupo promotor salientaron que a iniciativa visaba "darlle forza xurídica a aspectos que as leis actuais non teñen". María Lafuente desmontou o argumentario defendido polo Partido Popular, nomeadamente a idea repetida até a saciedade polo deputado Daniel Varela. "Dixo que Sogama promove a valorización enerxética", indicou Lafuente, "mais non é certo" pois "Sogama gasta máis enerxía da que envía á rede", sentenciou. 

Desde a Comisión promotora advirten dos prexuízos da incineración para a saúde das persoas e denuncian "os incumprimentos" da Xunta na xestión de residuos

Desde a Comisión promotora denuncian que o PP "terxiversou" a información durante o debate parlamentar ao afirmar que a incineración xera postos de traballo e rendementos económicos. Porén, o movemento ecoloxista ampárase nos dados para contrarrestar a teoría 'popular'. "Se ollamos proxectos como a recollida porta a porta desenvolvida en Guipuzkoa", apunta María Lafuente, "o plan de reciclaxe custa 183 millóns de euros" en troca, a incineración --acrecenta-- "400 millóns" e "non xera máis postos de traballo, o contrario destrúeos". 

Neste senso, apuntan, de se apostar por plans de reciclaxe e compostaxe na Galiza poderíanse crear "2000 postos de traballo directo". Actualmente, a planta creada na comarca do Barbanza dá "10 veces" máis emprego que Sogama. Algo que desde a Comisión promotora consideran "debe terse en conta" perante as taxas de desemprego actuais. Mais tamén, sinalan, deixa ver que "o futuro non está na incineración".