HOMENAXE DA UPG A MONCHO REBOIRAS

Rego: “A autorganización é a única garantía de decidirmos en función dos intereses como nación”

Rego: “A autorganización é a única garantía de decidirmos en función dos intereses como nación”
Néstor Rego, secretario xeral da UPG.
Néstor Rego, secretario xeral da UPG.  

Ferrol acolleu na tarde da segunda feira, 12 de agosto, o acto político máis numeroso dos que se convocaron para homenaxear Moncho Reboiras cando se fan 44 anos do seu asasinato. A Unión do Povo Galego (UPG) organizou a xornada “non como un acto de nostalxia, senón de xustiza e de fondo sentido político”, en palabras do secretario xeral deste partido, Néstor Rego.


81f9c852-f33d-4905-bec5-2ca5bf898b67“A memoria non fala só do pasado. Fala fundamentalmente de como enfrontamos o presente e, sobre todo, de como concibimos o futuro”. Así explicaba Néstor Rego, secretario xeral da UPG, a vixencia dos actos de homenaxe que este partido desenvolveu ao longo da segunda feira, cando se fixeron 44 anos do asasinato de Moncho Reboiras. “Alén dun acto de recoñecemento necesario, queremos traer a primeiro plano a vixencia dun proxecto político que loita pola liberdade da nosa patria e por construír unha nación soberana e unha sociedade diferente, xusta, democrática, igualitaria e libre”, afirmou Rego desde o Cantón ferrolán.

“Render tributo a Reboiras é exaltar o espírito de rebeldía fronte á opresión e a inxustiza, valorizar o compromiso militante, tomar exemplo da entrega xenerosa á causa da liberdade do noso pobo”, engadía o secretario xeral da UPG, que lembrou o papel “crucial” de Reboiras na creación dun sindicalismo de clase nacionalista. “Estaría hoxe orgulloso de ver como a CIG é a primeira central sindical do noso país na rúa e tamén nas urnas” e “estaría orgulloso de comprobar como o BNG non claudicou nin se deixou engaiolar por cantos de serea que terían levado á desaparición práctica do nacionalismo político na Galiza”.

No seu discurso, Rego insistiu na autoorganización como pedra angular do nacionalismo galego, “a autorganización foi, é e será sempre a única garantía de podermos decidir, de maneira libre, en función dos propios intereses como nación”. “Onde hai organizacións políticas e sociais propias, onde está o nacionalismo, está a Galiza e están presentes os seus intereses”, afirmou o secretario xeral da UPG.

Fronte á autoorganización situou “o vello e o novo sucursalismo da dereita ou da chamada esquerda española”, dos que, dixo, “tiveron idéntico comportamento”. Así, lamentou a ausencia da Galiza no debate político do Estado no proceso de investidura, e amosouse crítico cos últimos orzamentos, “os peores para a Galiza en 17 anos, coa conivencia de Unidas-Podemos”.

A continuación, Rego criticou o “bipartidismo que sustenta o réxime constitucional español”, tanto o Goberno de Feixoo, do PP, a quen acusou de “como bon colonizado, ser obediente executor de políticas que prexudican gravemente os nosos intereses”, como o de Sánchez, do PSOE, que “desatende os problemas e necesidades da Galiza”.

A “nova política”

Rego debuxou, a continuación, unha radiografía da “nova política” en relación a Galiza, coa que desenvolveu, salientou, “un papel negativo”, especialmente “polo que supuxo de engano e fraude política” e polo “reforzamento da españolización e enfraquecemento dunha dinámica política propiamente galega”. Neste sentido, puxo de manifesto que “a nova versión da esquerda española” foi quen de conseguir “un importante apoio electoral, mermando o do nacionalismo”. A “retórica anti-sistema non casaba coa práctica política”, denunciou o secretario xeral da UPG, quen se referiu á “falta de consistencia política, ideolóxica e organizativa” deses sectores.

“Fronte a iso, foi a firmeza política e ideolóxica, a perseveranza nos principios e no criterio de autoorganización e a capacidade organizativa e mobilizadora o que fixo que o nacionalismo fose capaz de reconquistar terreo e hoxe se ache nun proceso claro de recuperación de apoios”, apuntou. A chave para o avance situouna en evidenciar que a dependencia política “é un mal negocio para o pobo galego” e que o modelo autonómico “non serve para dar solución aos nosos problemas”. Apelou a defender a soberanía nacional e o proceso de autodeterminación nacional con “intelixencia e pedagoxía política, mais tamén con firmeza e con decisión”.

“O tempo veu constatar que as nosas análises eran e continúan a ser acertadas. Ou hai autoorganización ou hai sucursalismo, que só reforza a españolización da Galiza. E o traballo realizado con coherencia e confianza no noso povo acaba por dar resultados”, subliñou Rego, que chamou a fomentar “o orgullo e a autoestima colectiva, creando conciencia social e nacional e mantendo sempre os elementos centrais do proxecto político do nacionalismo galego”.

Reboiras como “referente absoluto”

c115ee39-e1c4-4e98-99a2-56ed80a0bbeeTamén tomou a palabra Paulo Ríos, secretario xeral da Unión da Mocidade Galega, que reivindicou Reboiras como “un referente absoluto” e como “a definición de militante nuns tempos nos que vivimos a desaparición paulatina desta figura e nuns tempos tamén nos que o capital foi quen de tronzar o colectivo e reducilo ao individualismo”. Ríos sinalou que “o futuro da construción da conciencia nacional e de clase pasa por xerar espazos e ferramentas onde a mocidade galega poida construír alternativas ao que ofrece o capital”.

Ademais, interveu Mercedes Tobío, responsábel comarcal do BNG, quen tirou de metáfora sanitaria para diagnosticar e tratar os problemas que padece Ferrolterra e que son compartidos con toda Galiza. Denunciou a deslocalización de empresas, "que se permite legal e politicamente"; os "modelos empresariais non vinculados ao país e ás súas necesidades reais" e "o saqueo dos nosos recursos" e carg75d49bc1-22cd-4fe3-9a5c-d779c88d0f5eou contra "o equipo médico da Xunta e do Goberno central" pola "receita que nos dan unha e outra vez". "Non se acredita na soberanía da enferma", lamentou Tobío, que prescribiu "autoorganización". Sinalou que é "o único camiño para a viabilidade de Galiza como suxeito político". 

Presentación do filme sobre Reboiras

Antes das intervencións políticas, tomou a palabra Alberte Mera, director do filme Moncho Reboiras. Acción e corazón, producido pola Fundación Terra e Tempo, para presentar o proxecto e para lle agradecer á UPG “o interese polo filme, que chega 44 anos após o asasinato de Reboiras, o que indica que non vivimos nun país normal”.

0a578343-040d-462d-ab44-abf5532b8461“O mellor contributo que podemos facer para dar a coñecer a súa figura e afondar na súa vida é este audiovisual, que vai reconstruír a súa traxectoria con máis de 15 entrevistas de persoas que o coñeceron de primeira man, con material de arquivo, con documentación que se está a recompilar durante estas semanas e a través da ficción, coa que recrearemos momentos chave da súa vida”. Finalizou animando as persoas congregadas no Cantón a se sumaren á campaña de micromecenado, que supera nestes momentos os 9.000 euros.