A valedora non dimite

A valedora non dimite

Na súa comparecencia na Comisión de Peticións do Parlamento defendeu a súa inocencia fronte unha sentenza do TSXG que a sinalaba por “desvío de poder” o nomeamento para un cargo da irmá do portavoz do PP.


Milagros Otero non vai dimitir como Valedora do Pobo. Deixouno ben claro esta quinta feira no Parlamento galego, onde compareceu na Comisión de Peticións. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera probado que Otero se inmisciu no proceso de designación como xefa do servizo de administración e persoal da institución dunha persoa coa que tiña relación e que, alén de máis, é irmá do portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy. Mais Milagros Otero aférrase ao cargo pois, afirma, en ningún momento intercedeu a favor desa persoa. Milagros Otero acata a sentenza pero non a partilla pois mantén que está baseada en indicios. Defendeu que o proceso selectivo foi escrupuloso e achegou ata 8 documentos como proba.

A oposición insiste en que debe deixar o cargo e avanza que vai exixir iso no vindeiro pleno, a semana que vén. A portavoz nacionalista na Comisión de Peticións, Montse Prado, considera que a contundencia e claridade da sentenza “inhabílitaa para seguir nin un minuto máis á fronte dunha institución á que está desacreditando e causando un enorme dano na súa imaxe e na súa credibilidade ante á cidadanía”.

Luís Villares defendeu o cese de Milagros Otero por parte do Parlamento para non trasladar á cidadanía unha "imaxe de que o Parlamento fai vista gorda diante das irregularidades". O portavoz de En Marea insistiu que as explicacións dadas na comisión por parte da Valedora non cambia en nada "o coñecido neste asunto e faise necesario que o Parlamento actúe e cese á Valedora".

Patricia Vilán (PSdeG) lembroulle á Valedora que a sentenza do TSXG é “durísima”, pedindo a demisión de Otero pois a súa permanencia no posto causa un dano “irreparábel” á institución.

Paula Prado (PP) acusou a oposición de facer “un xuízo político” sobre a valedora sen nin sequera escoitar a súa versión, e avanzou que se esta presenta recurso o PP agardaría a que finalizase a tramitación xudicial para fixar o seu posicionamento, no que é un balón de osíxeno para Milagros Otero.

A vindeira terza feira terá lugar un pleno no Parlamento no que se debatirá a reprobación da Valedora e se esta debe dimitir. Para iso serían precisos 45 votos favorábeis: non abonda co apoio de todos os deputados e deputadas da oposición.



x