RECORTES

A Xunta despide o persoal dun centro de menores en Ourense "para lle entregar a xestión a unha empresa"

A Xunta despide o persoal dun centro de menores en Ourense "para lle entregar a xestión a unha empresa"
Protestas pola privatización dos servizos públicos.
Protestas pola privatización dos servizos públicos.  CIG
Once empregados de Montealegre engádense á "desfeita dos servizos públicos na provincia", que suma unha enorme perda de servizos e ducias de despedimentos.

A consellería de Traballo segue a tomar polémicas decisións e xerar protestas. Segundo indica a CIG, "está poñendo en risco servizos públicos básicos". A problemática séntese de forma notábel en zonas do rural, por exemplo as da provincia administrativa de Ourense, onde "o peche hai uns días do centro de menores de Montealegre súmaselle agora a redución de prazas na residencia de maiores de Barbadás", segundo a central nacionalista.

"A Xunta decidiu reducir 50 prazas na residencia de maiores 'Nosa Señora Dos Milagres', en Barbadás, que pasará de 130 a 80 prazas. Tamén hai uns días pecharon  o centro de menores de Montealegre e despediron aos seus 11 traballadores/as a rúa 'porque pensan reformalo con fondos públicos e para logo lle entregar a xestión a unha empresa", nun claro exemplo de privatización.

Esta tendencia política de acabar cos servizos sociais nas comarcas máis indefensas tamén afectou ao Carballiño, "onde reduciron a capacidade da residencia do maior á metade, pasando a atender só a 24 residentes dos 54 iniciais. Agora deciden despedir a tres traballadoras e contrataron unha empresa privada para facer o seu labor. A residencia de tempo libre segue sen abrir e os seus traballadores e traballadoras agardan na casa a ser chamados", apunta a CIG.