A Xunta recorta un 40% en políticas de emprego malia o 21% de paro

A Xunta recorta un 40% en políticas de emprego malia o 21% de paro
Beatriz Mato, nunha foto de arquivo
Beatriz Mato, nunha foto de arquivo  SG
BNG, AGE e PSdeG denuncian o interese ideolóxico oculto nas contas presentadas pola conselleira Beatriz Mato.

Os grupos da oposición non comparten o anteproxecto de Orzamentos para 2013 presentado polo goberno galego, e iso, faise ver en cada unha das intervencións parlamentares que se están a desenvolver no seo do proceso lexislativo en curso. Se ben desde o executivo defenden que os presupostos achegados "son realistas, prudentes e inminentemente sociais", pola súa banda, BNG, AGE e PSdeG denuncian os recortes orzamentarios presentados desde a Xunta, dos que din "son responsábeis das altas taxas de desemprego".

Prado (BNG): "Vostede quere facer valer a premisa de Goebbels pola que unha mentira contada mil veces se facía verdade"

Nin unha soa das cifras achegadas pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, convenceu @s [email protected] das outras formacións políticas que denunciaron o seu discurso "de autobombo e propaganda", asegurou a deputada nacionalista Montse Prado. Nin o baile de datos achegados desde a Consellaría lle serviron a Mato para ocultar as cifras de desemprego e exclusión social que converteron no último mes a Galiza no segundo territorio con maior destrución de emprego. Aliás, o 50% de paro xuvenil, reflicte "un drama social", asegurou o deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, que dá boa conta do "fracaso das súas políticas como a reforma laboral", acrecentou Prado.

Malia que Mato teimou en aseverar que os orzamentos presentados pola Xunta de Galiza "blindan os servizos públicos" e son "os mellores posíbeis", desde as bancadas da oposición denunciaron que as contas públicas apresentadas tomaban parte dun "plan ideolóxico" de "destrución e privatización dos servizos públicos e as políticas sociais".

Fajardo (AGE): "No seu discurso vostede non deu nin unha soa cifra de persoas que non poden comer carne tres veces á semana"

Neste senso, Beatriz Mato, intepelou ás formacións políticas asegurando que o goberno do Partido Popular incrementaría "nun 38% a Renda de Integración social (RISGA)" e que esta volvería "ser ampliábel". Porén, AGE e BNG denunciaron que a súa era "unha política de beneficiencia" ao reducir nun "40% as políticas activas de emprego" --aseverou Prado-- ao tempo que "destinan 13 veces menos ao banco de alimentos que aos seus asesores" --denunciou Fajardo.

Malia a man que lle botou a voceira do Partido Popular, Marta Rodríguez Arias --quen converteu o debate orzamentario nunha disputa partidista nun intento por desviar a atención fóra dos recortes-- Mato non puido agochar que ao longo dos últimos catro anos, o executivo do que toma parte, desmantelou boa parte dos servizos sociais postos a andar con anterioridade.

Gallego (PSdeG): "É tempo de deixarse de maquillaxe"

"Vostede quere facer valer a premisa de Goebbels pola que unha mentira contada mil veces se facía verdade", lle espetou a deputada nacionalista Montse Padro á conselleira de traballo ao tempo que denunciou que "o plan de emprego xuvenil" presentado no anteproxecto de lei "non é máis que un plano de mobilidade" que faga máis doado emigrar. Neste senso, o deputado de AGE lembroulle á conselleira as verbas pronunciadas por ela propia na anterior lexislatura en que aseguraba que a mocidade galega non emigraba senón que abandonaba o país "porque quería viaxar"; unha aseveración que bate coa realidade, como lle retrucou a deputada socialista Carmen Gallego, "é tempo de deixarse de maquillaxe", subliñou.

No entanto, desde as bancadas do PSdeG, tiveron que capear o temporal perante as acusacións populares que lles lembraban algúns dos seus posicionamentos na anterior lexislatura, cando apoiaran, "e mesmo defenderon", indicou Rodríguez Arias "a externalización dos servizos sociais" entre outras cuestións.