PRE-CAMPAÑA 10-N

Ábalos afirma en Lugo que “o de Catalunya é un problema de orde pública”

Ábalos afirma en Lugo que “o de Catalunya é un problema de orde pública”
Ábalos e Caballero, este sábado en Lugo.
Ábalos e Caballero, este sábado en Lugo.  
Nun acto de pre-campaña xunto a Gonzalo Caballero, o secretario de Organización do PSOE sinala "a debilidade” da Generalitat como causa da situación en Catalunya.

"O que se ve nas rúas é un problema de orde pública e un problema de debilidade, por non falar da bancarrota institucional no goberno de Cataluña, cun goberno rebentado, cun goberno onde o presidente non goberna, fomenta as mobilizacións e sorprende, moi tarde, que haxa reaccións violentas ", dixo José Luís Ábalos, diante de alcaldes socialistas da provincia de Lugo e do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

"Afortunadamente temos un ministro do Interior que responde ao mantemento da orde pública e coordínase coas forzas e corpos de seguridade do Estado", afirmou Ábalos.

No acto, Gonzalo Caballero apelou a un "exercicio de responsabilidade" para que non goberne "a peste política", en referencia a extrema dereita. O líder dos socialistas galegos lembrou este sábado en Lugo que o Goberno se atopa en "circunstancias complexas de minoría", pero que "en dez meses de mandato e despois na etapa en funcións, está a demostrar que se poden subir as pensións, que se pode subir o Salario Mínimo Interprofesional, apostar polo estado de benestar, a educación pública, a sanidade pública, pola dependencia. Non é o mesmo que goberne a dereita que goberne a esquerda".

En clave galega, Caballero cargou contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao que acusou de non defender aos pensionistas galegos "cando o Partido Popular mandáballes cartas dicindo que as pensións só podían subir 0,25%". Sobre iso, engadiu que "cando gobernaba Raxoi en España, Feixoo dicía que todo ía ben" e agora cos socialistas "todo lle parece mal".