A DEREITA DENUNCIA AS ALCALDÍAS QUE RESPECTAN A ACONFESIONALIDADE

A aconfesionalidade do Estado volta a desaparecer nas eventos do verán

A aconfesionalidade do Estado volta a desaparecer nas eventos do verán
Feixoo e Bugallo na Ofrenda ao Apóstolo o 25 de xullo de 2019 [Imaxe: xunta.gal]
Feixoo e Bugallo na Ofrenda ao Apóstolo o 25 de xullo de 2019 [Imaxe: xunta.gal]  

É común ollar as autoridades do Estado, do goberno galego e de múltiples concellos nos eventos relixiosos, eliminando así o carácter formal de aconfesionalidade que a lexislación promulga sobre as institucións públicas. A ofrenda ao Apóstolo, o Voto á Virxe do Rosario ou a procesión do Cristo da Vitoria son algúns exemplos onde se mestura Estado e relixión. Nalgúns concellos en que se respecta a pluralidade de crenzas e a laicidade, formacións como o PP están a dar a batalla para garantir a presenza do goberno neste tipo de eventos.  


No verán, entre festividades e actos de corte relixiosa, ollamos numeros representantes das galegas e galegos participando de actos confesionais como son a denominada Ofrenda Nacional ao Apóstolo, coa presenza ao máis alto nivel do Estado, Xunta e Concello; os votos por parte das e dos rexedores á virxe e aos santos, así como presenza de gobernantes en múltiples procesións en cidades e vilas da Galiza.

O paradoxo está en que nos concellos onde a división relixión-Estado si se cumpre, as alcaldías son sinaladas pola oposición de dereitas precisamente por respectar a lei e a diversidade de crenzas e a aconfesionalidade.  

Nun Estado aconfesional os poderes públicos deben ser neutrais nesta materia porque representan tanto persoas con crenzas relixiosas como persoas sen crenzas relixiosas

De feito, nun Estado aconfesional os poderes públicos deben ser neutrais nesta materia porque representan tanto persoas con crenzas relixiosas como persoas sen crenzas relixiosas, que deben ser tratadas exactamente igual. E precisamente nisto debería consistir a aconfesionalidade do Estado español, polo que os poderes públicos deberían respectar as crenzas e as celebracións relixiosas da cidadanía, mais sen participar delas para así garantir o principio de igualdade.

A ofrenda ao Apóstolo e o Voto a San Roque

Un dos casos máis salientábeis deste verán foi a denominada Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, celebrada no Día da Patria Galega na igrexa de San Martiño Pinario, por atoparse a Catedral de Santiago en obras.

Neste evento oficiado polo arzobispo Xulián Barrio foi nomeado delegado rexio o alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo, quen realizou unha potente mestura entre política, partidos, apóstolo e configuración do Estado. De tal maneira que o líder do PSdeG en Compostela e alcalde da cidade realizou un chamamento aos partidos políticos desde a propia ofrenda “para alcanzar consensos”, pedindo ao Apóstolo “que ilumine os nosos representantes políticos para que gañe o interese xeral e o ben común sobre os intereses particulares e partidistas” e pediulle preservar o Estado español como “o mellor marco para avanzar en igualdade e progreso para os pobos que a compoñen”, en referencia ás nación sen Estado.

Bugallo pediu ao Apóstolo “que ilumine os nosos representantes políticos"

O rei español adoita presidir o acto en anos xacobeos, e túrnase co alcalde de Santiago, o presidente da Xunta e a presidencia do Parlamento Galego. Porén Alberto Núñez Feixoo conduciu até tres veces este acto relixioso ao se saltar esa orde debido a negativa do ex alcalde Martiño Noriega e do seu grupo Compostela Aberta a asistir en representación do pobo a un acto relixioso.

A pasada semana celebrouse tamén en Compostela o Voto da Cidade a San Roque, que ten a súa orixe no século XV no marco das fortes epidemias da peste, cando os gobernantes pediron axuda ao santo erguendo unha capela na súa honra.

Baixo o mesmo pretexto de non xuntar relixión con institucións públicas o anterior goberno municipal de Compostela tampouco acudía ao voto na capela de San Roque, mais o PSdeG si o fixo e a concelleira de Cultura e alcaldesa en funcións (substituíndo temporalmente Bugallo), Mercedes Rosón, presidiu o evento.

O PP de Pontevedra critica o BNG por non participar dos eventos relixiosos

No Concello e Deputación de Pontevedra o PP está a liderar unha loita para manter os actos institucionais de ofrenda relixiosa, como o da propia institución provincial en favor da Virxe da Peregrina.

“A veciñanza xa ten que aguantar desde hai vinte anos que  Lores non asista aos actos litúrxicos das festas ou que non  promocione turisticamente a Semana Santa", denuncia Pepa Pardo

Na terza feira 20 de agosto a deputada provincial do Partido Popular Pepa Pardo reclamou á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que manteña a ofrenda institucional á Virxe da Peregrina, que se celebra cada ano durante as festas da cidade do Lérez. A popular rexeitou as declaracións do BNG, que criticou devandito acto. "Os políticos debemos estar onde está a xente e non se entendería que por un capricho do BNG se elimine esta tradición que non é só da deputación, senón da xente de toda a provincia", destacou.

“A veciñanza xa ten que aguantar desde hai vinte anos que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores non asista aos actos litúrxicos das festas ou que non  promocione turisticamente a Semana Santa", denunciou a popular Pepa Pardo.

"Os cargos políticos deben saber que non se representan a si mesmos, senón que representan a todos os veciños, tanto aos que os votaron como aos que non", afirmou Pardo.

Abel Caballero e Núñez Feixoo participaron na procesión do Cristo da Vitoria de Vigo

Agosto é o mes en que a cidade de Vigo celebraba as Festas do Cristo da Vitoria, rebautizadas como Festas do Verán de Vigo cando o BNG levou a concellaría de Cultura. A fronte nacionalista solicitou neste mesmo mes que ningún cargo institucional participe en condición de representante público en procesións ou actos relixiosos.

Sucedeu todo o contrario, e a procesión do Cristo da Vitoria xuntou un grande número de gobernantes, a comezar polo alcalde da cidade, Abel Caballero, acompañado da maioría de edís e o presidente da Xunta de Galiza que desembarcou en Vigo custodiado pola deputada Ana Pastor, a actual senadora Elena Muñoz, a delegada da Xunta na cidade, Corina Porro e o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda.  

A procesión do Cristo da Vitoria xuntou un grande número de gobernantes

Porén, Redondela, concello veciño de Vigo e tamén gobernado polo PSdeG, acordou todo o contrario, co voto deste mesmo partido, e decidiu separar a institución municipal dos actos relixiosos. A ese respecto, a deputada provincial do PP Pepa Pardo dixo sobre a alcaldesa redondelá Digna Rivas “que fixo a ofrenda institucional en varias ocasións durante os últimos anos, mais que agora, que é alcaldesa de Redondela, decidiu non participar na procesión do Corpus”, o que cualificou como “un malísimo precedente”.

O Voto á Virxe do Rosario na Coruña

Na cidade da Coruña é coñecido o Voto á Virxe do Rosario, que se realiza no mes de maio e onde a persoa que ostenta a alcaldía renova co seu bastón de mando o voto á virxe, acompañada de membros da orde de cabaleiros de María Pita e franqueada por integrantes da Milicia Urbana e da Milicia de Honra. Unha tradición que bebe do vazquismo e que existe tan só desde 1999.

Pola contra, 2016 foi o primeiro ano en que o alcalde non acudiu a este acto, coa chegada da Marea Atlántica e Xulio Ferreiro ao concello.