Acordo de coalición entre PSdeG e BNG no Porriño

Acordo de coalición entre PSdeG e BNG no Porriño
Sinatura do acordo de goberno de coalición entre PSdG e BNG [Imaxe: Concello do Porriño]
Sinatura do acordo de goberno de coalición entre PSdG e BNG [Imaxe: Concello do Porriño]  
Nas eleccións de maio o partido socialista accedeu á alcaldía co apoio de todos os grupos, agás o PP, e esta semana asinou un acordo de coalición co BNG.

A agrupación local do PSdeG e a do BNG no Porriño asinaron esta terza feira un acordo de Goberno de coalición. Nas eleccións municipais do 26 de maio o Partido Popular quedou ás portas de acadar a maioría absoluta con oito concelleiros. Entón o PSdeG obtivo catro edís, o BNG e Son en Común dous e un Unión Democrática de Louriña-UDDL. A través dun acordo de investidura, a socialista Eva García accedeu ao Goberno local, apoiada por todos os grupos de coalición, coa excepción dos representantes do PP.

O pacto de Goberno foi subscrito na noite da terza feira polas delegacións negociadoras do PSdeG e do BNG. Á alcaldía de Eva García súmanse o voceiro do BNG Pedro Pereira como primeiro tenente da alcaldía e a socialista Lourdes Moure, que ocupará a segunda tenencia de alcaldía.

“O acordo asinado pon en común un proxecto compartido para desenvolver políticas de urbanismo, infraestruturas, servizos sociais e noutros ámbitos da xestión do Concello”, asegurou García nun comunicado publicado polos socialistas. A alcaldesa destacou o reforzo da “transparencia” que supón o acordo, “outorgando máis delegacións, polo tanto, maior importancia os acordos que adoptará a Xunta de Goberno local”.