ELECCIÓNS XERAIS

Activan unha iniciativa de voluntariado para dar apoio á campaña do BNG

Activan unha iniciativa de voluntariado para dar apoio á campaña do BNG
Presentación da iniciativa Para ter voz propia
Presentación da iniciativa Para ter voz propia  

Baixo o lema Para ter voz propia, un grupo conformado por xente moza vén de presentar unha iniciativa de voluntariado co obxectivo de dar soporte á campaña do BNG nas elección xerais do vindeiro 28 de abril.


Mozas e mozos, na súa maioría sen militancia, veñen de promover o grupo Para ter voz propia, coa finalidade de coordinar accións de voluntariado en apoio do Bloque Nacionalista Galego de cara ás eleccións do 28A. Os traballos consistirán en colaborar na difusión das propostas nacionalistas a través das redes sociais, realizar repartos e coladas de cartelaría, prestar axuda na organización de actos e eventos de campaña e participar como apoderadas e apoderados da fronte nacionalista nas mesas electorais na xornada do 28A.

Lucía López e Brais Fernández presentaron Para ter voz propia, que bota andar conformada por xente moza, na súa maioría simpatizantes do BNG sen militancia, e que a través da web www.paratervozpropia.gal e presenza nas redes sociais, pretenden canalizar as solicitudes de quen desexe colaborar co Bloque na campaña electoral. “Trátase dunha iniciativa aberta ás persoas que teñen o BNG como referente político, que non son militantes pero queren participar na campaña”, explicou Lucía López.

O obxectivo deste grupo aberto é facilitar a participación das persoas voluntarias e servir como unha referencia a quen queira colaborar coa campaña do BNG en distintos ámbitos “tanto desde as redes sociais, nos actos, como na noite electoral”, afirmou Brais Fernández.

Desde o Bloque Nacionalista Galego valoran a iniciativa Para ter voz propia de forma moi positiva e poñen énfase na relevancia que ten para esta formación política o traballo voluntario da súa base social.



x