GORETTI SANMARTÍN

“Agardo que dentro de cinco anos Galiza teña unha presidenta nacionalista”

“Agardo que dentro de cinco anos Galiza teña unha presidenta nacionalista”
Goretti Sanmartín  [FOTO: SG]
Goretti Sanmartín [FOTO: SG]  

Esta terza feira toma a palabra en #VenhanMais5 Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña.


-Como avalías o estado actual da política galega?

-Estamos diante dun escenario moi volúbel, con forzas que parecen estar afianzadas de maneira sólida mais cuxo apoio pode reducirse moi significativamente en pouco tempo, e viceversa. No contexto actual, asistimos, por un lado, ao continuismo anunciado do PP a facer bandeira das políticas antisociais e de recortes de dereitos e a se perpetuar como unha sucursal dos intereses de Madrid e, por outro, ao reforzo do BNG como alternativa, demostrando con propostas e traballo estar centrado en procurar solucións e esperanza para un futuro digno na Terra.

Gustaríame que Sermos tivese a capacidade de chegar a moitos máis sectores da sociedade galega

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

-A maior das ilusións políticas é que muden as prioridades en todos os ámbitos e que camiñemos realmente cara a unha sociedade non patriarcal onde non teña cabida a violencia machista. Por suposto, agardo que dentro de cinco anos Galiza teña unha presidenta nacionalista, alguén que, como Ana Pontón, demostrou valor e solidez, capacidade de liderado e o optimismo preciso de acreditarmos nas nosas propias forzas. É evidente que antes dese momento terá que se producir un importante incremento da rede de concellos e concelleiras/os nacionalistas, que teñan como obxectivo a transformación deste país exercendo o dereito á autodeterminación e mostrando o orgullo de sermos galegas e galegos de nación.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Gustaríame que Sermos tivese a capacidade de chegar a moitos máis sectores da sociedade galega e que fose unha das ferramentas que conseguise que o pensamento, a reflexión e a análise da realidade de cada vez máis persoas fose autocentrada.

Xulgo que foi moi relevante o traballo que Sermos realizou, tanto na súa contribución ao xornalismo cultural como nos magníficos Afondo como en darlle voz a quen fica invisíbel e, en xeral, pola inmediatez e axilidade das noticias de relevancia que se producen tanto dentro como fóra do país.

Cómpre mellorar na ampliación da base social e nunha maior presenza dunha mocidade que hoxe quere recuperar protagonismo e ser vangarda no social, no cultural, no político. Introducir máis voces de mozas e mozos, para alén de ser unha obriga, é unha fonte inesgotábel de enerxía e de azos para soñarmos esa Galiza onde regresar tanta mocidade emigrada forzosamente nos últimos anos.