Agora Galiza, lema do BNG para o 28 de abril

Agora Galiza, lema do BNG para o 28 de abril
O secretario de comunicación do BNG Xavier Campos e a deputada Olalla Rodil, na presentación da campaña para o 28A. Imaxe: BNG.
O secretario de comunicación do BNG Xavier Campos e a deputada Olalla Rodil, na presentación da campaña para o 28A. Imaxe: BNG.  

Colocar Galiza no centro do debate político é o obxectivo principal do BNG para o mes electoral que vai do 28 de abril ao 26 de maio. Esta sexta feira presentou unha “única campaña” para os triples comicios cuxa primeira fase centrada no regreso ao Congreso desenvolverá co lema Agora Galiza.
 


“A nosa será unha campaña en positivo, audaz, alegre e atrevida”, explicou Xavier Campos, secretario de comunicación do Bloque, “en coincidencia coa situación actual da organización, un BNG en remontada, á alza, como percibimos na rúa, nas conversas ou nos estudos demoscópicos”.

A partir desa positividade, dous eixos políticos definirán o proceso. O primeiro, chegar a eses “moitos galegos e galegas” que, a dicir de Campos, “botaron de menos que Galiza tivese voz propia en Madrid”. “Non houbo axenda galega no Congreso”, afirmou, en referencia velada ao grupo de En Marea adscrito a Unidos Podemos e a “axenda galega” que aseguraba defender.

imaxe BNG xerais

O segundo eixo é o “dobre valor” do voto ao BNG: “Que o país teña voz en Madrid e a garantía de sumar por unha maioría progresista e políticas de esquerda”. A probábel ausencia de maiorías claras, aventurou, permitiría á formación nacionalista forzar un xiro que posibilitase a derogación da LOMCE ou da reforma laboral. “Temas que nin o Goberno do PSOE con apoio de Podemos e En Marea abordou”, sinalou.

En todo caso, e tal e como reforzou a deputada no Hórreo e membro da área de comunicación do BNG Olalla Rodil, “galeguizar a campaña” é un propósito concreto. Trataríase de levar o debate político “ás preocupacións e problemas reais das galegas e os galegos”: a sanidade pública; o perigo que corren empregos en Alcoa, Poligal ou Ferroatlántica; a estafa da AP-9; ou “un sistema ferroviario do século pasado”.

O responsábel de comunicación das nacionalistas lembrou tamén outro dos movementos recentes do BNG de cara ás eleccións: a solicitude formal dun debate “ao máximo nivel” na TVG. “Que Feixoo non se esconda e debata con Ana Pontón sobre os problemas das galegas e os galegos”, pediu. Polo momento, o Bloque non tivo resposta oficial ao respecto.

“Campaña intensa e de proximidade”

Olalla Rodil baixou un pouco máis ao detalle da campaña baixo o lema Agora Galiza: “Será intensa e de proximidade, con actos na rúa, cafés coas candidatas, participativa”. E nela, asegurou, terán “un papel importante moitas persoas que non fan parte do BNG pero entenden que é a única forma de que Galiza teña voz”. A portavoz nacional Ana Pontón empeñárase a fondo, engadiu, “moitos xa a ven como unha referencia clara dese país novo que procure o BNG”.

Nota: imaxe do BNG para o 28A.