II ASEMBLEA NACIONAL

Agora Galiza postúlase como o único referente da "esquerda revolucionaria galega"

Agora Galiza postúlase como o único referente da "esquerda revolucionaria galega"
Reunión de Agora Galiza
Reunión de Agora Galiza  

A organización xurdida da implosión de Nós UP en 2015 realiza este sábado 1 de decembro en Compostela a súa II Asemblea Nacional. O lema dío todo: "Reconstruir ferramentas de combate". A formación liderada por Carlos Morais autodefínese como marxista, independentista e feminista. Postúlase a si propia como o único referente da "esquerda revolucionaria galega" e na súa análise das forzas galegas ve o BNG como o representante do "nacionalismo galego interclasista e acomplexado de sempre" e Anova como "actor secundario das políticas chauvinistas de Podemos e autonomistas do Villarismo".

Agora Galiza é a filla de tres derrotas, afirman os textos a debate desta organización independentista.

O relatorio, ao que tivo acceso Sermos Galiza, non foxe da autocrítica e na súa descrición da realidade constata: "Somos conscientes da dramática situación de indixencia organizativa da esquerda independentista, socialista e feminista galega, mais seguimos adiante en base a insistir, persistir, resistir e nunca desistirmos".

Tres derrotas

A primeira, a sofrida "perante o fascismo en 1936", produto, segundo analisan, da "inanición e timoratismo das autoridades pequeno-burguesas republicanas" que terían cometido o erro de se negaren a "armar" o proletariado e o campesiñado "por temor a que tomasen o poder".

A segunda adveu coa "capitulación do reformismo" perante a "maquillaxe do franquismo na segunda metade da década de setenta",  unha rendición que tería lexitimado a "monarquía bourbónica como pedra angular do novo réxime".

E a terceira concretizaríase coa "definitiva implosión en 1991 da Unión Soviética" e coa "simultánea vitoria do imperialismo a escala mundial".

"Agora Galiza é plenamente consciente que nas tres derrotas mencionadas, e na práctica legalista e sistémica da mal chamada esquerda política e social, radican as causas que facilitan a involución política que vivemos", lese nos textos a debate.

Face este recúo, a organización liderada por Carlos Morais propón a constitución dun Bloco Popular Antifascista e a acumulación de "forzas operarias, populares e nacionais para unha saída política á crise capitalista". O relatorio oficial considera que "non son horas de apresentar prudentes e descafeinadas alternativas a partir de maquillaxes e reformiñas do capitalismo e da dependencia nacional, nen de políticas pragmáticas e posibilistas".

As teses poñen terra de por medio a respecto das forzas galegas que a tradición en que se insire Agora Galiza clasificou sempre como reformistas e autonomistas. Destarte, sobre o BNG o relatorio afirma que "representa o nacionalismo interclasista e acomplexado de sempre", condición que o inhabilitaría para "encabezar a conformación dun bloco operario, popular, patriótico e feminista, após tantas décadas de xestión institucional e de alianzas co PSOE". "O timoratismo xenético frente á reivindicación independentista é a máis destacada expresión do seu oportunismo de duplo raseiro", acrecenta.

Canto a Anova, tíldaa de "actor secundario das políticas chauvinistas de Podemos e autonomistas do Villarismo". "Ter facilitado o desembarco dos charlatáns de Madrid que só reproducen idéntico discurso ao de Murcia ou Torrelodones, é un dos erros estratéxicos do beirismo", engade.

A alternativa

A edificación dunha esquerda revolucionaria galega é o obxectivo que se propón Agora Galiza para oferecer ao pobo galego unha alternativa distinta á que eles xulgan como reformista/autonomista. Esa é a idea forza que enchoupa os textos a debate. A premisa base é que non existe a menor hipótese dunha "alianza de clases" entre "proletariado e burguesía nacional". "Eis polo que descartamos integrarnos en espazos políticos e sociais permanentes de carácter frentista interclasista, ou en falsas unidades populares, que son simples maquinarias electorais", afirma o relatorio.

As teses deixan en suspenso a participación da organización nas eleccións: por unha banda dise que "non existen condicións mínimas para seguir ensaiando a nosa concorrencia electoral", mais a seguir afírmase: "Sen descartarmos participar en procesos electorais, a nosa prioridade é contribuír á converxencia das loitas sociais e locais, promovendo espazos de encontro e mobilización".



x