Campaña de Galiza Nova pedindo apoio ao BNG para se "protexer" da Unión Europea

Campaña de Galiza Nova pedindo apoio ao BNG para se "protexer" da Unión Europea

"É preciso que a xente que vota por vez primeira apoie o BNG para que Galiza poida decidir e conquistar un futuro mellor", afirmou Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova. A organización está a levar adiante entre a mocidade a campaña "Protéxete da Unión Europea".


Un díptico coas caricaturas de Mariano Rajoy e de Ángela Merkel no seu exterior, e cun preservativo no seu interior, protagoniza a campaña "Protéxete da Unión Europea", que está a levar adiante Galiza Nova entre a mocidade. A campaña anima a protexerse "coas políticas do BNG e facer o amor á galega". Quere, deste xeito, chegar á xente nova, concienciando sobre a importancia do voto nas eleccións ao Parlamento europeo do vindeiro 25 de maio e  animando a rebelarse contra as políticas da Unión Europea da man do BNG.

A campaña , en verbas de Mera, está a contar cunha grande aceptación entre a mocidade. O secretario xeral de Galiza Nova anima a incrementar o apoio da xente nova con conciencia crítica e esperar o seu compromiso para un futuro mellor no que Galiza poida decidir. "Foi o BNG ─explica─ quen trasladou as reivindicacións dos numerosos movementos sociais galegos a Bruxelas, sempre con vontade firme e inequívoca para resolver os problemas que esmagan o noso país".



x