A alcaldesa da Coruña levará directamente a área de normalización lingüística

A alcaldesa da Coruña levará directamente a área de normalización lingüística
Goberno local da Coruña
Goberno local da Coruña  

A socialista Inés Rei xestionará tamén as áreas de Seguridade Cidadá e Barrios. José Manuel Lage Tuñas, coa carteira de Economía e Facenda, e Juan Díaz Villoslada, Urbanismo, Vivenda e Mobilidade, aparecen como os executivos con maior peso político dun novo goberno local que, a falta de acordos de coalición, iniciará o mandato como un gabinete monocolor.


Ao estar constituído por apenas 9 integrantes —un menos dos que tiña o tamén monocolor goberno da Marea Atlántica—, a alcaldesa da Coruña vaise ver obrigada a asumir áreas de xestión, en concreto as de Seguridade Cidadá, Barrios e Normalización Lingüística. A respecto desta última, está por ver se Inés Rey, que alterna o uso do galego e o castelán nas súas intervencións públicas, adopta a lingua propia do país como o seu idioma de expresión habitual dentro da institución. En todo caso, e tendo en conta a historia do PSdeG na Coruña —formación durante longos anos liderada por Francisco Vázquez, dirixente non precisamente comprometido co galego—non deixa de chamar a atención que o departamento que se vai encarregar de promover os usos da lingua na cidade vaia ser dirixido pola número un do goberno local.

No goberno, cuxa composición se deu a coñecer esta terza feira, sobrancean dúas figuras: a de Jose Manuel Lage Tuñas, dirixente moi próximo a Valentín González Formoso, líder provincial do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, e a do aínda deputado autonómico (está previsto que dea paso a unha compañeira no Pazo do Hórreo ao rematar o actual período de sesións) Juan Díaz Villoslada.

En concreto, Lage Tuñas, representante do grupo na Deputación, asumirá a portavocía do goberno local, ben como as carteiras de Facenda, Economía e Réxime Interior, en tanto que Villoslada xestionará Urbanismo (co prato forte por diante do planeamento da fachada marítima da cidade), Vivenda e Mobilidade.

O executivo coruñés terá catro tenencias de alcaldía, en mans de Juan Ignacio Borrego (primeiro tenente de alcalde, con responsabilidades sobre Deportes), Yoya Neira (Igualdade, Benestar Social e Participación), Esther Fontán (Medio Ambiente e Sostenibilidade) e Eva Martínez Acón (Innovación, Industria, Empresa e Consumo).

Completan o gabinete Javier Celemín (Educación, Cultura e Memoria Histórica) e Diana Cabanas (Turismo e Comercio, con competencias tamén sobre as festas e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos).