Alerta polo clima sen moita convicción

Alerta polo clima sen moita convicción
O debate sobre o futuro do planeta chegou por fin ás axendas dos partidos políticos da Galiza. Sucédense as proclamas e os discursos cargados de boas intencións, pero a práctica política ten seus límites. Ecoloxistas e sindicatos agrarios temen que os propósitos de cambio fiquen nos papeis da campaña electoral e despois, a nova sensibilidade que pareceu espertar coa mobilización social dos últimos meses, desapareza outra vez na práctica institucional. Mentres, o problema, o quecemento global, agrávase. “Esperemos que esta nova conciencia dos partidos non chegue tarde… e que sexa real”. Os prazos, acúrtanse. O panel internacional de expertas alerta de que quedan 11 anos para que as condicións muden de forma dramática para amplas capas da poboación. Eis un estrato da peza publicada no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza.

Despois do verán, Luís Villares, líder de En Marea, lanzou a proposta dun Green New Deal, un programa de loita contra o quecemento global no plano galego. “Son temas que non están na axenda dos outros partidos”, dixo. Apenas cinco días despois, o BNG celebrou un acto en Pontevedra para achegar as súas propostas. “É preciso actuar sen medo porque temos un problema que afecta á propia viabilidade do planeta”, reflexionou a portavoz nacional, Ana Pontón. A finais de setembro, nun foro en Nova Iorque, Teresa Ribera, a ministra española de Transición Ecolóxica, manifestaba: “É imposíbel pensar nun crecemento infinito nun planeta finito”.

Animados por unha crecente mobilización social impulsada por mozas e mozos das universidades e do ensino secundario, polos sindicatos agrarios e polos ecoloxistas e decrecentistas, os partidos políticos van entrando na axenda do clima. A emerxencia climática, un termo moi do gusto das publicistas, instalouse no discurso até o punto de que o PP, sempre disposto á apropiación, xa o recolle en proclamas como a recente do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez: “Estamos en emerxencia financeira”. Máis alá dos eslogans, ecoloxistas e sindicalistas (agrarias) que levan décadas topando coa indiferenza da clase política, agradecen a nova sensibilidade, pero desconfían do compromiso. “Hai evidencias desde hai tempo. Eu diría que desde o famoso informe ao Club de Roma de 1972. Así que é lóxico que ninguén dubide hoxe do problema que temos enriba. Quen non sexa ecoloxista hoxe ou é un inconsciente ou ten outros intereses”, di Pepe Santos, membro do Comité de Defensa do Monte Galego.

m3_Politica“A maior parte dos partidos coñecen os acordos de París de 2015, pero só os coñecen. A súa preocupación pola cuestión no día a día é inexistente. Pero isto non sucede só cos partidos. Pasa coas institucións e coas universidades, que deberían ser grandes focos desde onde proxectar os retos do futuro”, di Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego. E resume: “Temos os datos, as evidencias, pero é como predicar no deserto”.

“Vale. Hai interese nos partidos. Teñen que tomar unha posición dada a inquedanza social. Fan declaracións. Pero a práctica política real queda moi lonxe das declaracións. Cando pasamos das proclamas ao concreto, aí botan o freo, valora desde Greenpeace Manoel Santos. O portavoz na Galiza da organización ecoloxista achega exemplos recentes de disonancias entre os discursos e a práctica. Conta como a moción para a declaración de emerxencia climática alentada polas ecoloxistas foi aprobada no pleno municipal de Vigo, pero non no da Coruña. “Por que? Se son practicamente os mesmos partidos… É máis, o mesmo día que se acordou esa declaración, no mesmo pleno de Vigo, rexeitouse outra presentada polo BNG que pedía repensar un túnel que ía incrementar o tráfico e, polo tanto, as emisións no centro. Non concorda”.

“Nós temos boa relación co que foi En Marea e Podemos porque nos pedían cousas que incorporar aos programas”, conta Ana Varela, da asociación ecoloxista Petón do Lobo, moi activa na loita contra a minaría salvaxe no país. “No caso do BNG, pois depende do tema, vexo que hai cuestións ás que Ana Miranda lle presta moita atención, como no caso das rías ou da mina de San Finx, e noutras, como nos eólicos, teñen posicións diferentes. O resto? Pois o resto nada”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]