APÓS O SEU NON AOS ORZAMENTOS XERAIS

Alexandra Fernández anuncia que deixa a primeira liña política

Alexandra Fernández anuncia que deixa a primeira liña política
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández  

A través das redes sociais, a parlamentar de En Marea Alexandra Fernández, a única do grupo que votou contra os orzamentos do Goberno de Sánchez ao considerar que prexudicaban Galiza, anuncia que se retira da primeira liña política.


“Penso que é o momento para parar, para reflexionar, para máis traballo a carón das compañeiras, para esa militancia en que os rumbos compartidos xeran afectos e proxectos de longo alento”. Así anunciaba hai apenas uns minutos Alexandra Fernández, deputada do grupo Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, o seu retiro da primeira liña política unhas semanas despois do seu non aos orzamentos xerais do Estado, tal e como pedía a cúpula de En Marea, ao considerar que as contas do Goberno de Pedro Sánchez eran contrarias aos intereses de Galiza.

A parlamentar sinala que adopta a decisión logo dunha “profunda reflexión”. “Tiven moi claro desde o primeiro momento que o meu tempo na política institucional había ser limitado. Nestes tres anos non fixen máis que reafirmarme na importancia de estar na política por convicción e non por necesidades persoais. Por iso sempre tiven presente a necesidade de retomar a miña carreira. Volto agora a ela, mantendo o meu compromiso militante desde a base”, afirma a deputada, que nunha entrevista concedida a Sermos Galiza explicaba o seu malestar polo cambio de decisión das parlamentares do grupo -Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán Vello- a respeito do voto dos orzamentos do Estado.

Alexandra Fernández recoñece que as dificultades traían causa ao inicio “polo feito de a organización estar por construír”. Lembra a súa etapa na portavocía e admite “erros da inexperiencia”, mais tamén “toda a forza da vontade” para se comprometer a “visibilizar as nosas demandas na cámara”. “Loitei contra propios e alleos por facer valer o aval que centos de miles de galegas e galegos nos deron”, salienta.

Entre outros, destaca o seu labor a respeito da comisión de investigación do accidente do Alvia en Angrois; da AP-9; dos corredores europeos de mercadoría e de diversas infraestruturas que son “as que xeran as condicións de posibilidade para que teñamos un ou outro modelo socioeconómico e condiciona profundamente as nosas vidas”.

A deputada de En Marea foi moi crítica con Podemos e coa liña das deputadas e deputados galegos do grupo de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, ao considerar que non actuaron con independencia en relación ás directrices do partido liderado por Pablo Iglesias.



x