Alexandra Fernández chama a sacar o zapato da desobediencia contra unha nova “Transacción”

Alexandra Fernández chama a sacar o zapato da desobediencia contra unha nova “Transacción”
(Imaxe: En Marea)
(Imaxe: En Marea)  

A número 1 de En Marea por Pontevedra apela ao xesto de Xosé Manuel Beiras.


En Marea continuou este domingo cos actos de campaña cun mitin en Cangas. A cabeza de lista da formación por Pontevedra, Alexandra Fernández, sacou o zapato en alto para chamar á desobediencia civil e evitar unha nova “Transacción”, apelando ao xesto no Parlamento galego do líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, que participou do acto ao candidato polo Senado Xosé Luis Méndez Ferrín.

“É o momento dun proceso constituínte de mulleres porque queremos igualdade e a Constitución foi un pacto entre homes que non entendían que o machismo é un problema estrutural. É tamén o momento dun proceso constituínte galego, porque a solución só pode vir do dereito libre de decidir dos pobos”, sinalou Fernández.

"É momento dun proceso constituínte galego, porque a solución só pode vir do dereito libre de decidir dos pobos”, manifestou Fernández

A número 1 de En Marea destacou que é preciso impulsar un tecido industrial anovador para recuperar os sectores estratéxicos da comarca do Morrazo. “Se ás empresas se lle dan cartos públicos ten que ser co compromiso de que a carga de traballo quede aquí” afirmou engadindo que “a precarización do emprego non é unha medida económica, é unha medida ideolóxica”.

Pola súa banda, Beiras criticou a aqueles que “falan de inestabilidade política” porque “moitos de nós coñecemos a época máis estable dos últimos tempos, o franquismo. E agora estamos a padecer o franquismo sen Franco”.  

Méndez Ferrín pediu o voto para que “contribúa a facer desaparecer o Senado, para que lles devolvamos todas as leis contrariadas aos intereses do pobo e así romper un réxime político imposto, alleo”.