Alexandra Fernández: “Deséxolle o mellor ao BNG o vindeiro domingo. Agardo que consiga representación”

Alexandra Fernández: “Deséxolle o mellor ao BNG o vindeiro domingo. Agardo que consiga representación”
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández  

A ex deputada de En Marea-Unidas Podemos no Congreso expresa nas redes a súa esperanza de que a representación nacionalista en Madrid “sirva para que en Galiza se recupere o pulso e o debate político”.


“Desexo o mellor ao BNG o vindeiro domingo. Agardo que consiga representación e que sirva para que en Galiza se recupere o pulso e o debate político”. Este é o ramo que Alexandra Fernández, ex deputada de En Marea-Unidas Podemos no Congreso, pon a una reflexión nun fío nas redes sociais.

Fernández considera que o intento de “alianza” entre a esquerda soberanista e a española “fracasou”, polo que “volvemos á dualidade entre dous modelos de esquerda. Mirando a posición que ten cada unha ante os retos que veñen, non cabe dúbida de que lado toca estar”.

Así, prosegue, ante “a involución democrática do Estado”, mentres “o soberanismo está exercendo unha oposición clara e contundente e actúa como motor principal das transformacións sociais”, a esquerda española “teme polos seus intereses electorais e móvese a posicións máis conservadoras”.

Ademais, indica na súa conta de Twitter, “ante o aumento da desigualdade social e económica entre centro e periferia e as ameazas de recentralización”, “só dende a autonomía política das forzas soberanistas se pode reverter esta situación”, mentres que a esquerda española “a esquerda española non toma posición neste debate”.