FEIXOO VE LEXÍTIMO O ACORDO CON VOX

Alfonso Rueda aínda defendía este domingo que debe gobernar a lista máis votada

Alfonso Rueda aínda defendía este domingo que debe gobernar a lista máis votada
Alfonso Rueda, nun acto do PPdeG, acarón de Feixoo, Raxoi e Pastor
Alfonso Rueda, nun acto do PPdeG, acarón de Feixoo, Raxoi e Pastor  

A doutrina oficial do PP está a piques de ser refutada pola súa propia práctica política en Andalucía. Aínda este pasado domingo, nunha entrevista na SER, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendía unha mudanza legal para outorgar o goberno directamente á forza política máis votada. En aplicación dese criterio Susana Díaz debería continuar a ter despacho no Palacio de San Telmo, sede da presidencia do Goberno andaluz. Porén, esta mesma segunda feira Feixoo deixou claro que en Andalucía si apoia que o PP, segunda forza máis votada, obteña a presidencia grazas a un acordo que necesariamente incluirá Vox.


A pesar de ter o seu peor resultado histórico, o PSOE foi con moito a forza política máis votada este domingo nas eleccións ao Parlamento andaluz. Obtivo 33 escanos, 7 máis que a segunda forza, o PP, e 12 por cima da terceira, Ciudadanos.

Porén, ninguén dubida de que os esforzos de Susana Díaz para recabar apoios para unha eventual investidura serán baldíos e que consecuentemente a dereita, que ten maioría absoluta na cámara, gobernará Andalucía.

Esta mesma segunda feira, o presidente da Xunta, nunha coidada declaración política, deixou entrever que apoia a entente das distintas forzas conservadoras para despexar Susana Díaz do palacio de San Telmo. Non recollía a luva tendida pola presidenta saínte, quen na mesma noite electoral propuña un acordo do constitucionalismo para isolar Vox

"Os andaluces merecen un goberno, votárono nas urnas, dixéronlle á esquerda que non queren que continúe a gobernar e hai unha opción clarísima para que haxa un goberno distinto ao que ten habido desde que temos memoria", dixo Feixoo aos medios en Madrid antes de participar nunha reunión da xunta directiva do seu partido.

E con efecto si existe unha "opción clarísima" para existir un "goberno distinto" ao de Susana Díaz. Mais pasa indefectibelmente polo apoio de Vox. PP e Cs non suman suficientes escanos para obteren por si sós a investidura para un candidato conservador. Reúnen 47 escanos e a maioría absoluta son 55. A esquerda ten 50 (33 o PSOE e 17 Adiante Andalucía). Isto significa que a dereita precisa os votos dos ultra de Vox. E esa operación é a que recibiu esta segunda feira o plácet de Feixoo.

Mais consciente de que o apoio a Vox pode traerlle certo desgaste electoral ao PPdeG —partido que ao superar 45 por cento do voto ten entre as súas bases electorais sectores bastante distantes das teses do partido ultra—, Feixoo optou por descarregar a responsabilidade do ascenso da formación liderada por Santiago Abascal no partido socialista.

De acordo coa súa interpretación, o avanzo da formación nostálxica do franquismo non é máis que "produto" do "disparate" perpetrado por Pedro Sánchez ao negociar co bloco independentista o apoio á súa moción de censura contra Mariano Raxoi.

Feixoo acusou tamén o PSOE de inflar as expectativas de Vox durante a campaña para diminuír as do PP. "É un produto, basicamente, da esquerda", dixo, sen facer, claro, á menor alusión a que durante as últimas semanas destacados dirixentes do seu partido, a comezar polo propio Pablo Casado ou Alfonso Rueda na entrevista deste domingo na SER en Galiza, teñen evitado colocar Vox na ultra-dereita.



x